Aberto o segundo prazo de inscrición para o curso sobre o novo Directorio Xeral para a catequese

A inscrición é necesaria unicamente para aquelas persoas que non o fixeron ao comezo do curso e queiran incorporarse a el. As xornadas son totalmente online e gratuítas. A inscrición pode realizarse nesta ligazón:

https://itcdesantiago.org/isccr/curso-de-actualizacion-teologico-pastoral.

A Secretaría do Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas, organizador do curso, poñerase en contacto cos rexistrados para ofrecer as indicacións técnicas relativas á conexión. O curso consta de catro conferencias que tamén se gravarán para que queden ao dispor de quen non puidesen seguilas no horario establecido ou desexen visualizalas de novo.

Ata o momento inscribíronse trescentas cinco persoas procedentes de dezasete países, sobre todo de Latinoamérica.

A próxima conferencia será o xoves 12 de novembro no horario habitual de 19h a 20:15h. Correrá a cargo do responsable do novo Directorio e Presidente do Pontificio Consello para a Promoción da Nova Evangelización, mons. Rino Fisichella. Expoñerá os obxectivos e a finalidade fundamental do texto na conferencia “Un Directorio para unha catequese de nova evangelización”.

A primeira conferencia foi do Arcebispo de Santiago, mons. Julián Barrio, que na súa intervención “Ás portas dun Ano Santo Compostelán: o camiño e a catedral como catequese en acto”, analizou a importancia dos santuarios para a piedade popular, á que definiu como “expresión concreta da fe do peregrino”, da peregrinación como lugar de encontro con Deus por parte do home que busca e da oración como o “acto primordial do home relixioso”.

A terceira conferencia correrá a cargo do profesor do Departamento de Teoloxía da Evangelización e Catequese da Universidade Eclesiástica San Dámaso, Juan Carlos Carvajal Blanco. Falará da “Catequese kerigmática e de iniciación: claves para a conversión misioneira da pastoral”.

Pechará o curso o mércores 25 de novembro o bispo auxiliar de Barcelona Antoni Vadell Ferrer coa conferencia “Os catequistas “primerean” a catequese”.

O curso de Actualización Teolóxico-Pastoral chega este ano á súa sétima edición. Os cursos diríxense fundamentalmente aos alumnos do Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas, aos seminaristas do Seminario Compostelán, e aos alumnos da Escola de Teoloxía para Seglares e da Escola Diocesana de Axentes de Pastoral (EDAP). Pero están tamén abertos aos catequistas e demais axentes de pastoral, a todos os cristiáns e, en xeral, ás persoas interesadas en coñecer con máis profundidade os fundamentos da fe da Igrexa e a súa acción evanxelizadora.

 

Versión en castelán