Aberto o prazo para matricularse nos Cursos formativos online 2018

O Equipo de delegados de Catequeses de Galicia e a Escola de Axentes de Pastoral da Parroquia de Carballo, en colaboración coa delegación de Medios da diocese de Santiago de Compostela, organizan 5 cursos de formación online dirixidos aos distintos axentes de pastoral (animadores bíblicos, catequistas, relixiosas/os, e animadores litúrxicos), ao profesorado de Relixión, e en xeral aos laicos e laicas que estean interesados en iniciar e/ou afondar nun proceso de formación na súa fe e misión pastoral.

Son cursos coordinados por Miguel López Varela, Delegado de Catequeses de Santiago, Sor Almudena Vilariño, monxa Benedictina do Mosteiro de San Paio de Antealtares de Santiago; José Vidal,  Vigairo de Ensino da Diocese de Tui-Vigo; José García Gondar, párroco da Unidade Pastoral de Carballo; e Manuel Ángel García Gómez, experto en Novas Tecnoloxías

Temática

Os cursos ofertados este ano están distribuídos en tres bloques: por unha banda, tres cursos base (Biblia, Liturxia e Catequese), por outra banda, un curso monográfico (Espiritualidade Litúrxica), e por último, un curso especializado en Novas Tecnoloxías no ámbito familiar.

Curso base sobre Biblia (II)

Coordinador: José García Gondar

É a segunda parte do programa do curso base sobre Biblia continuando o iniciado o curso pasado. É unha introdución á historia da salvación. Non se trata dun estudo intelectual da Biblia, pero si ofrece uns coñecementos bíblicos fundamentais. Imos poder descubrir que a Palabra de Deus, é unha mensaxe de amor para todos nós e camiño de salvación. Vai permitir motivar a moitas persoas a que coñezan a Cristo Xesús, o comprendan e o amen.

Curso base sobre Liturxia (II)

Coordinador: José García Gondar

É a segunda parte do programa do curso base sobre Liturxia continuando o iniciado o curso pasado. A Igrexa anímanos a ter unha experiencia de Deus que atopa no litúrxico-sacramental a súa fonte e cima. O obxectivo deste curso é introducir o alumno no contido da liturxia pola cal a Igrexa católica, Corpo de Cristo, en unión co seu Señor e Salvador, Xesucristo, ofrece o culto de loanza e acción de grazas ao Pai pola santificación do mundo, cumprindo o seu mandato. Este curso axudaranos a coñecer, afondar e a vivir a liturxia dunha maneira máis consciente e activa.

Curso base de Catequética

Coordinador: José Vidal

Este curso convídanos a pensar sobre o quefacer da catequese: a contorna na que se realiza, as persoas ás que se dirixe, a mensaxe que transmite, o modelo e o método pedagóxico, a figura do catequista e a finalidade que se pretende. Esta reflexión está moi vinculada aos cambios que se producen no campo da sociedade, da Igrexa e da propia catequese; e ten, ademais, unha orientación práctica, pois ofrece elementos para a programación e realización da acción catequética.

Curso sobre Espiritualidade Litúrxica

Coordinadora: Sor Almudena Vilariño

Ofrécese este curso desde un enfoque vivencial (sen menoscabo da solidez dos temas) xa que unha espiritualidade non se estuda, vívese. E a espiritualidade litúrxica non é exclusiva de beneditinos (a autora é monxa bieita), de curas ou monxas, senón de todo bautizado. É vivir o gozo de celebrar a Xesucristo, de traducir na vida o Misterio Pascual, de vivir en Cristo. O obxectivo desta materia é espertar o sentido de pertenza á Igrexa, de chamar a unha unidade entre vida e celebración.

Curso sobre o uso das Novas Tecnoloxías na familia:

Coordinador: Manuel Ángel García Gómez

O papel da familia é clave para a prevención das adiccións. Na actualidade os nenos e adolescentes comunícanse a través de Whatsapp, Twitter ou Facebook… ou navegan por internet con descoñecemento dos perigos que o mal uso destas plataformas pode ocasionar. Paralelamente, moitos pais atópanse con pouca información, con falta de criterios á hora de establecer unhas normas, etc. Nesta Escola, as familias atoparán instrumentos para fortalecer o papel como pai ou nai na educación dos fillos ante situacións de risco, como as dos usos problemáticos coas novas tecnoloxías, así como estratexias sobre a súa prevención.

 

Metodoloxía

Os cursos realízanse integramente por internet utilizando:

A utilización da plataforma é moi sinxela e non é imprescindible ter coñecementos informáticos. Tan só é necesario dispoñer dun pc, portátil ou tablet con acceso a internet. A Plataforma atópase activa as 24 hs. do día, polo cal cada alumno pode acceder no momento libre que poida dedicar ao estudo.

Materiais
Os cursos están organizados en Unidades temáticas. Hai materiais de estudo obrigatorio (sobre os cales se basean os traballos para realizar) e materiais de estudo opcionais (Materiais de profundización e de oración).

Cada unidade temática contén tres seccións:

A: Exposición do tema específico que forman a base do estudo.
B: Material complementario.
C: Tarefas a realizar: foros, cuestionarios, etc.

Os titores son os encargados de resolver as dúbidas e aclaracións que o alumnado precise.

Temporalización

Todos os cursos comezan o 14 de febreiro, Mércores de Cinza, e terminan o 8 abril, Domingo da Divina Misericordia.

Certificación

Ao finalizar e aprobar o Curso recíbese un Certificado de Aprobación.

Inscrición

Son cursos completamente gratuítos.

Os cursos terán un máximo de 25 alumnos, admitidos por orde de inscrición.

É necesario matricularse antes do 11 de febreiro utilizando un destes formularios:

Versión en castelán