Axenda pastoral de D. Julián en Castromil e Malpica, con celebración do cincuentenario da parroquia de Salto e bendición de melloras na ermida de Santo Hadrián

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, celebrou onte cos veciños de Castromil, da parroquia de Santa María de Salto, un especial aniversario. Como se recolle na crónica publicada en La “Voz de Galicia”, na súa edición de Carballo, obra de C.V./X.A., celebrábanse o primeiros cincuenta anos de vida parroquial. Esta é a crónica publicada neste diario:

“O covid obrigou a manter a distancia, pero foi só física. A igrexa que naceu para acurtar a que separaba a uns veciños, sobre todo de Castromil, da parroquial de Salto, celebrou onte o seu primeiro medio século de vida relixiosa, cun aspecto renovado e con fregueses máis talludiños porque o tempo non só pasa polos templos. A pesar diso, alí estiveron os seis curas da súa historia e unha parte importante dos que colaboraron na súa construción. A eles dirixiuse o arcebispo, Julián Barrio, para «agradecer e felicitar». Foron os que fixeron posible esa «nosa casa grande acolledora», en palabras da condutora dun acto, que tivo que ser seguido tamén desde a praza.

Estiveron Aquilino Fernández, hoxe cura de Malpica e hai medio século impulsor do proxecto, ademais de Javier Porro Martínez, Ricardo Vázquez Freire, Alfonso Mera, Vicente Mohedano e Alejandro García Touriñán. Todos eles ocupáronse nalgún momento do templo, que hoxe ten moi bo aspecto e que naceu na segunda concentración parcelaria que houbo en Galicia. O lugar no que se erixe foi cedido polos veciños de entón, aqueles que arrimaron os seus «ombreiros», en palabras da presentadora do acto, quen tamén se referiu a eles definíndoos como «bos e xenerosos». De feito, o da xenerosidade foi un dos conceptos máis repetidos aos longo da celebración e o que seguramente permitiu tamén que a construción perdese cos anos o seu aspecto inicial de hangar.

Probablemente había onte en Castromil un representante de cada casa, pero tamén da asociación Neira Marcos, dos catequistas e dos voluntarios que fan activa a vida parroquial. A consagración tamén tivo lugar un 27 de setembro. Acudiu o cardeal Fernando Quiroga Palacios, que ademais inaugurou o resto dos edificios do entón innovador complexo, que estaba composto así mesmo polo salón parroquial, a casa reitoral e a escola”.

Por outra banda, o arcebispo tamén bendixou as melloras realizadas na ermida de Santo Hadrián, en Malpica, que xa estaban listas para a romaría, que non se celebrou a causa do covid”, informou “La Voz de Galicia”.

O xornal informou que “ao final non choveu e os arranxos puideron ser estreados oficialmente, do mesmo xeito que os traballos realizados no templo de San Xulián. Todos os labores foron impulsadas polo párroco, Aquilino Fernández”.

Versión en castelán