Algúns aspectos da normativa para afrontar pastoralmente a crise do coronavirus

Estas son algunhas das normas, que á espera dun desenvolvemento posterior en próximas xornadas, a igrexa diocesana presenta para afrontar pastoralmente a crise sanitaria do coronavirus

 

I. Previamente á apertura ao culto organizado

  • Limpar e desinfectar as superficies que fosen utilizadas recentemente.
  • Illar retablos, imaxes e obxectos artísticos para que non sexan tocados nin bicados.
  • Calcular a cabida do templo en orde a regular a asistencia garantindo a distancia de dous metros entre as persoas e unha ocupación de 1/3 en fase 1 e 50% na 2.
  • Organizar un servizo de orde e limpeza que controle a ocupación e que proceda a limpar e desinfectar as superficies que fosen usadas.
  • Dar a coñecer aos fieis as medidas que se están tomando para a súa seguridade.

 

II. Medidas preventivas xerais

  • É obrigatorio o uso de máscaras para as persoas maiores e en risco, manter baleiras as pías da auga bendita, ter as portas abertas tanto ao entrar como ao saír.
  • Contémplase a entrada libre ata completar o aforo máximo permitido en cada fase. Nos casos de bautismos, comuñóns, vodas, exequias e funerais de aniversario, serán as familias as que asuman o control do aforo, incluso comprometéndose por escrito.
  • Ata novo aviso, quedan suprimidas as procesións.

 

III. Disposicións a ter en conta durante a liturxia

  1. Sacramento da Eucaristía
  • Alí onde non sexa posible unha celebración digna, convidar os fieis a acudir ao centro da Unidade Pastoral. As parroquias en que non se celebre a Eucaristía dominical, han de ser visitadas durante a semana.
  • Evitar os coros e non dar folla de cantos, nin outro tipo de documentos de papel.
  • Para a colecta, situarase a cestiña preto da porta de saída.
  • O sacerdote celebrante desinfectará as súas mans ao empezar o canon da misa e os demais ministros da comuñón, antes de distribuíla. O cáliz, a patena e os copones estarán cubertos coa “palia” durante a pregaria eucarística. A paz substituirase por un xesto.
  • O diálogo individual da comuñón (“O Corpo de Cristo”. “Amén”), anticípase pronunciándoo de forma colectiva despois da resposta “Señor, eu non son merecente…”.
  • No caso de sacerdotes maiores, establecer ministros extraordinarios da Eucaristía para distribuír a comuñón. Para a distribución da Eucaristía, co apoio do servizo da orde, organizaranse as filas gardando a distancia, evitando o rozamento entre as persoas e camiñando nunha única dirección, indo polo corredor do centro e retornando polos laterais. Recoméndase recibir a comuñón na man.

 

  1. Sacramento da Reconciliación
  • Hase de escoller un espazo amplo, gardar a distancia de seguridade asegurando a confidencialidade e colocarse máscara confesor e penitente. A distancia podería diminuírse colocando un biombo de metacrilato entre ambos. Ao concluír o encontro procederase a limpar as mans e a superficie de obxectos cos que se estivo en contacto.

 

  1. Sacramento da Unción de enfermos
  • Farase polo rito breve, valéndose dun algodón ou bastonciño dun só uso. A poder ser, encárguense os curas novos de facelo. En todo caso, para atender os enfermos de coronavirus é necesario o uso de bata, luvas, máscara e pantalla protectora que se han de desinfectar despois de cada uso.

 

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2020.

Versión en castelán