O arcebispo destaca o papel dos laicos ao presentar a III Asemblea de Acción Católica Xeral a celebrar en Santiago

O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Julián Barrio, presidiu hoxe a rolda de prensa na que se presentou aos medios de comunicación a III Asemblea Xeral de Acción Católica Xeral, que reunirá na cidade do Apóstolo a máis de 900 persoas os días 3 ao 6 do próximo mes de agosto. Este acontecemento desenvolverase baixo o lema “Saír, camiñar e sementar sempre de novo”. O arcebispo compostelán estivo acompañado por monseñor Carlos Escribano, bispo consiliario de Acción Católica Xeral e bispo de Calahorra e La Calzada-Logroño; por Antonio   Muñoz, presidente de Acción Católica Xeral; e por Eva Fernández Mateo, presidenta diocesana de Acción Católica Xeral en Santiago.

Monseñor Barrio agradeceu que Acción Católica Xeral escollese Compostela como lugar de cita da Asemblea desta asociación laical e resaltou o papel dos laicos na construción da Igrexa, lembrando que, aínda que desde o Vaticano II se puxo en valor a misión dos segrares, “en realidade sempre foi a hora dos laicos”. Pola súa banda, monseñor Escribano eloxiou a ilusión dos mozos que participan na regrinación, mentres que Antonio Muñoz, presidente de Acción Católica, referiuse á actuación desta organización no anuncio do Evanxeo. A presidenta diocesana de Acción Católica, Eva Fernández, repasou os distintos actos previstos para a asemblea e destacou que haberá actividades para todas as idades.

Santiago de Compostela converterase nos primeiros días do próximo mes de agosto na “capital” da Acción Católica Xeral, acollendo, ademais, os 1.250 peregrinos que farán o Camiño Portugués desde Tui a partir de hoxe, día 27 de xullo.

Coincidindo coa chegada destes peregrinos o día 2 de agosto, a Igrexa diocesana de Santiago previu un acto de acollida na Praza do Obradoiro, que presidirá o arcebispo, monseñor Julián Barrio. Será un encontro que se celebrará desde as 18:30 horas dese día, 2 de agosto.

Previamente, os peregrinos celebrarían unha Eucaristía no templo recentemente inaugurado de San Xosé de Milladoiro, unha cerimonia que presidirá o cardeal-arcebispo de Madrid, monseñor Carlos Osoro, a quen acompañará o arcebispo de San Juan de Cuxo (Arxentina), monseñor Jorge Eduardo Lozano; o bispo auxiliar de Santiago, monseñor Jesús Fernández; o bispo presidente da Comisión de Apostolado Seglar da Conferencia Episcopal, monseñor Javier Salinas; e Raúl Tinajero, responsable da área de Mocidade da Conferencia Episcopal.

Vixilia de oración

Esa mesma tarde do día 2 de agosto celebrarase unha Vixilia de Oración na Catedral, presidida polo bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández

Ao día seguinte, 3 de agosto, na Parroquia de San Fernando iniciaranse os traballos formais da III Asemblea Xeral da Acción Católica Xeral. Na presentación do encontro intervirán o presidente desta organización laical, Antonio Muñoz; o presidente da Comisión Episcopal de Apostolado Segrar, monseñor Javier Salinas; e o titular da Arquidiocese santiaguesa, monseñor Julián Barrio. Pola tarde, o arcebispo arxentino de San Juan de Cuxo, monseñor Jorge Eduardo Lozano, pronunciará nas  instalacións do colexio La Salle unha conferencia sobre “Parroquias con actitude de saída”.

O venres, día 4 de agosto, os participantes na III Asemblea distribuiranse por distintas igrexas da cidade para traballar o tema “Construíndo parroquias con actitude de saída”. Haberá un diálogo co cardeal Carlos Osoro e Emilio Inzáurraga, coordinador do Foro Internacional de Acción Católica (FIAC); ou intervencións de Tote Barreira, coordinador das Ceas Alpha-España, ou de Silvia Martínez Cano, presidenta da Asociación de Teólogas Españolas. Unha Eucaristía na Catedral, presidida por monseñor Julián Barrio, poñerá fin á xornada ás 20:45 horas.

Mesas redondas

A xornada do sábado, día 5 de agosto, terá como eixos de participación distintas mesas redondas: mesa da Familia, mesa da Cultura, mesa do Traballo e mesa do Ámbito sociopolítico, con presenza, entre outros, do bispo de Bilbao, Mario Iceta; do bispo de Sigüenza, Atilano Rodríguez; do bispo de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco; ou do bispo auxiliar de Valladolid, Luís Argüello. Nesa mesma tarde do sábado votaranse os obxectivos da Acción Católica Xeral para o próximo cuadrienio e, como remate dos traballos, haberá un festival.

Na xornada do domingo, última desta cita en Compostela, o bispo consiliario de Acción Católica Xeral, monseñor Carlos Escribano, que acompañará os peregrinos que fagan o Camiño Portugués, e o presidente da organización, Antonio Muñoz, falarán no plenario sobre “O asociacionismo laical”. A Eucaristía clausura do encontro terá lugar na Catedral compostelá a partir das 10:30, presidida por monseñor Ricardo Blázquez, cardeal-arcebispo de Valladolid e presidente da Conferencia Episcopal Española (CEE), a quen acompañará o cardeal Antonio Cañizares, arcebispo de Valencia.

Os organizadores estableceron, ademais, un programa paralelo de formación e actividades para os máis pequenos: así, hai actos para o chamado Sector de Mozos, entre os 14 e os 18 anos; e actividades para o Sector de Infancia. Previuse, igualmente, un servizo de gardería permanente ao longo dos días do encontro para os menores de 6 anos, con acollida especializada entre os 0-3 e os 3-6 anos.

Acción Católica Xeral a través de relatorios, obradoiros, paneis, experiencias e achegas dos asistentes, proponse traballar neses días do mes de agosto os seguintes retos:

  • Construíndo parroquias con actitude de saída

  • Retos e actitudes para esta renovación misioneira

  • Laicos para parroquias en saída

  • Vocacionados a santificar o mundo. Ámbitos de presenza

  • Obxectivos e liñas de acción

  • Camiñando xuntos

Tal e como eles mesmos explicaron, “aspiramos a que sexa un espazo aberto de profundización e comuñón que nos transcenda, onde camiñar con outros laicos de parroquias xuntos. Pretendemos redescubrir a nosa vocación ao seguimento radical de Cristo para saír á “misión, que non é unha tarefa entre tantas na Acción Católica, senón que é a tarefa”, e desexamos asumir “a totalidade da misión da Igrexa en xenerosa pertenza á Igrexa diocesana desde a parroquia” (Papa Francisco ao II Congreso Internacional de A.C. 27/04/17).

A asemblea de Santiago, precedida da peregrinación desde Tui, rememora aquela magna peregrinación organizada polos mozos de Acción Católica no ano 1948, unha cita impulsada por Manuel Aparici, a quen se chamou na súa época “capitán de peregrinos” e que actualmente está en proceso de beatificación. Naquel verán miles de mozos de toda España déronse cita na cidade do Apóstolo, nun acontecemento histórico para Compostela e para a Acción Católica.

De Manuel Aparici é a frase “peregrinar é camiñar por Cristo ao Pai, a impulsos do Espírito Santo, coa axuda de María, levando consigo os irmáns”, que quedou para sempre como lema do sentido espiritual cristián do Camiño de Santiago.

Manuel Aparici (Madrid, 1902-1964) foi Presidente Nacional dos Mozos de Acción Católica e posteriormente, tras ser ordenado sacerdote en Madrid no ano 1947, foi tamén Consiliario Nacional dos Mozos de AC. O 27 de marzo de 2013 foi declarado venerable polo Papa Francisco, un primeiro paso no camiño da súa beatificación. A Comisión “Prol-Causa Manuel Aparici” está formada por representantes das asociacións vinculadas á figura do Venerable Aparici: Arquidiocese de Madrid (Delegación para Causas dos Santos), Peregrinos da Igrexa, Acción Católica Xeral, Cursos de Cristiandade e Asociación Católica de Propagandistas.

Para máis información sobre a Asemblea e a peregrinación ou para concertar entrevistas cos asistentes:

  • Eva Fernández Mateos, Presidenta de Acción Católica Xeral de Santiago, 630 74 62 59

  • María José Miguel Ortega, Comunicación Acción Católica Xeral (nacional),  677 87 67 31

Para máis información: http://www.accioncatolicageneral.es/

Versión en castelán