O arcebispo glosa a figura de san Tomé de Aquino como exemplo de sabedoría evanxélica

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu hoxe a Eucaristía na celebración de san Tomé de Aquino, organizada polo Instituto Teolóxico Compostelán (ITC) e o Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas (ISCCR). Na súa homilía, o arcebispo contrapuxo a sabedoría que vén de Deus fronte á soberbia humana. Monseñor Barrio glosou a capacidade intelectual de san Tomé e destacou a complementariedade entre fe e razón, no marco da sinxeleza evanxélica mostrada polo Aquinate.

“Soubo”, dixo D. Julián,  “conciliar a secularidade do mundo coas esixencias radicais do Evanxeo.  O estudo e a oración, o ensino e a predicación balizan a súa vida. Viviu a opción e a paixón por Deus. Era consciente de que se debía a Deus, e isto debía expresalo na súa palabra e sentimento. Desde a nosa pobreza esta debería ser tamén a nosa actitude”.

Monseñor Barrio convidou a todos a dar testemuño da verdade do Evanxeo, loitando contra o fariseísmo e as tentacións de ofrecer un “cristianismo acomodaticio”.

Tras a Eucaristía celebrada na Capela do Seminario Maior de san Martiño Pinario houbo un acto académico. O reitor do Seminario Maior de Ourense, José Ángel Feijóo Mirón, disertou sobre “A importancia da filosofía na formación sacerdotal”.

 

Versión en castelán