O arcebispo inaugurou unha Xornada de divulgación de actividades da Asociación Anxiños

  • A Arquidiocese puxo a disposición deste colectivo a casa reitoral de san Tomé de Ames

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio,  inaugurou hoxe na Consellería de Sanidade a “Xornada de divulgación Asociación anxiños”. Este colectivo atende a nenos e adolescentes con trastornos mentais graves. O Arcebispado de Santiago puxo a disposición da entidade algunha casa reitoral como a de san Mamede do Monte ou san Tomé de Ames, na actualidade, para que poidan desenvolver o seu labor.   Monseñor Barrio agradeceu o traballo desta asociación na nosa Arquidiocese e animou a tratar con agarimo a estes nenos durante as súas atencións médicas e especializadas, evitando así o estigma de “descartados” pola sociedade que pesa sobre eles.

Na xornada celebráronse tamén senllas mesas redondas sobre “Presente e futuro da saúde mental infanto-xuvenil” e sobre “Falando co corazón”. O encontro foi clausurado polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

Na súa intervención, monseñor Barrio indicou que “quero agradecer os desvelos e coidados das familias que con tanto agarimo e proximidade atenden os enfermos. Canta xenerosidade, dedicación e dispoñibilidade por parte da familia no coidado dos nenos, novos e maiores enfermos en circunstancias ás veces moi difíciles! Fun testemuña desta experiencia nos hospitais, nas residencias e nas casas particulares. A familia acompaña os enfermos, pero necesita ser tamén acompañada”.

O arcebispo manifestou, igualmente, que “a nosa compaixón discreta e operativa cara aos que sofren, a nosa solidariedade para axudalos a vivir a realidade da dor na fe son sinais evidentes do noso crecemento relixioso e humano. Non podemos ser testemuñas mudas da dor senón testemuñas de caridade, ofrecendo a nosa colaboración e vivindo en comuñón cos enfermos. Temos que ser bos samaritanos, dedicándolles gran atención e dándolles un trato cheo de amor e de misericordia”.

Versión en castelán