O arcebispo convida a nenos da Diocese para axudar economicamente a nenos e nenas do mundo que carecen do necesario

  • Carta Pastoral que monseñor Barrio dirixía aos máis pequenos ante o Día da Infancia Misioneira

“Agora tócavos a vós atrevervos a ser misioneiros dando a coñecer a Xesús, sendo entusiastas e alegres evanxelizadores para os que non coñecen a Xesús”. Así se explica o arcebispo, monseñor Julián Barrio, na Carta Pastoral dirixida aos nenos e nenas da Arquidiocese para o Día da Infancia Misioneira, unha cita que se celebrará este próximo domingo, día 28 de xaneiro, baixo o lema “Atrévete a ser misioneiro”. Na súa carta, o arcebispo compostelán indica a nenas e nenos que “son moitos os nenos que están a necesitar da vosa oración e da vosa axuda económica. Grazas a isto tantos nenos que non coñecen a Xesús, non teñen escolas, están sometidos a traballos inhumanos e séntense esquecidos e marxinados, poderán vivir doutra maneira, tendo unha vida semellante á vosa”. Monseñor Barrio indícalles, ademais, que a misión á que están chamados “comporta coñecer a Palabra de Deus, prepararvos na catequese, rezar e participar nos sacramentos da penitencia e da eucaristía, sabendo que a cruz nos incorpora á morte de Cristo como o están manifestando hoxe tantos nenos na Igrexa”.

Monseñor Barrio dá a coñecer esta Carta Pastoral a nenos e nenas días antes da celebración do Día da Infancia Misioneira, unha cita á que a Delegación de Misións convida a participar “con moita alegría e cargados de enerxías, como reza o lema deste día, “atrevernos a ser valentes misioneiros”. A Xornada da Infancia Misioneira é unha das celebracións destacadas que, ao longo do ano, organízase a través de Obras Misionais Pontificias (OMP). A Infancia Misioneira é unha Obra do Papa que promove a axuda mutua entre os nenos do mundo. Esta institución da Igrexa forma unha rede de solidariedade universal, cuns protagonistas principais: os propios nenos.

A celebración central do próximo domingo, día 28 de xaneiro, será na Igrexa Parroquial de San Xosé do Milladoiro, a partir das 12:00 do mediodía.  “Verémonos na Unidade Pastoral do Milladoiro”, di o delegado de Misións da Arquidiocese, David Álvarez, e “levaremos os nosos petos do compartir para ofrecerllos, a través de Xesús, a aqueles que non teñen o máis necesario e dirémoslle aos maiores que estamos dispostos a sacrificar un pouquiño do noso para que os demais teñas algo. Somos valentes, somos misioneiros!”.

 

Versión en castelán