Arcebispo e bispo auxiliar, participarán nos actos da Semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns

  • Haberá encontros nas cidades de Pontevedra, A Coruña e Santiago

A Comisión de Ecumenismo da Arquidiocese ultima xa os preparativos para a celebración da Semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns 2918, que este ano se desenvolverá entre os días 18 ao 25 de xaneiro. Como en ocasións anteriores, o delegado desta Comisión, Benito González Raposo, informou da participación activa do arcebispo, monseñor Julián Barrio, e do seu auxiliar, monseñor Jesús Fernández, nos actos que levarán a cabo nas cidades da Coruña, Pontevedra e Santiago.

A celebración na cidade de Pontevedra terá lugar o próximo día 19 de xaneiro, a partir das 20:00 h. na Igrexa Parroquial de San José. Na Coruña levará a cabo o día 24 de xaneiro, na Igrexa Parroquial de San Jorge, tamén ás 20:00h. E en Santiago o encontro realizarase o día 25 na Igrexa do Colexio da nosa Señora dos Remedios (Rúa Orfas, 3), tamén a partir das 20:00 h.

O encontro en Compostela presidirao o arcebispo, monseñor Julián Barrio; e o da Coruña, o seu auxiliar, monseñor Fernández.

Neste ano o lema baixo o que se desenvolverán os encontros da Semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns é “Foi a túa destra quen o fixo, Señor, resplandecente de poder” (Ex 15, 16) . Desde hai xa algúns anos, o Consello Ecuménico das Igrexas e o Pontificio Consello para a Promoción da Unidade dos Cristiáns encargan os materiais de oración para esta semana a Igrexas e Comunidades eclesiais confesionais diversas dalgunha rexión xeográfica. Nesta ocasión, para a semana de oración de 2018, pedíronllo ás Igrexas e comunidades da rexión do Caribe, segundo informa a Conferencia Episcopal Española (CEE).

A Semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns, lembran os bispos da Comisión Episcopal de Relacións Interconfesionais na súa mensaxe, “é ocasión propicia para que coñezamos mellor o diálogo da Igrexa católica coas Igrexas e Comunidades eclesiais sobre a doutrina da fe, levado adiante con gran esforzo e dedicación”.

 

Versión en castelán