O arcebispo preside mañá a presentación e inauguración da Escola Diocesana de Axentes de Pastoral

  • Unha iniciativa vinculada ao recente Sínodo e que busca ser o lugar de formación de segrares para o desempeño de ministerios laicais

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, asistirá mañá día 19 de setembro, a partir das 20:30 horas na Casa Diocesana de Exercicios (no campus universitario), á presentación e inauguración da Escola Diocesana de Axentes de Pastoral (EDAP). Trátase dunha iniciativa formativa xurdida tras a inquietude manifestada pola maioría dos grupos de reflexión sinodal da necesidade de coordinar todas as ricas e plurais experiencias formativas existentes na Igrexa local de Santiago, así como da necesidade de ir capacitando os laicos que van colaborar máis estreitamente cos pastores nas futuras unidades pastorais.

Tras unha longa preparación e un exhaustivo traballo, coordinado polo bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández González, a Escola Diocesana de Axentes de Pastoral chega agora ao comezo das súas tarefas. Este fin de semana nunha reunión que tamén tivo como escenario a Casa Diocesana de Exercicios, o bispo auxiliar mantivo un encontro con sacerdotes e laicos, no que se expuxeron as liñas mestras da metodoloxía de traballo da EDAP. A reunión iniciouse na capela da Casa de Exercicios cunha reflexión de Javier Porro, delegado diocesano de Apostolado Seglar.

A continuación, Miguel López Varela, responsable de Catequese pronunciou unha charla sobre a orixe, natureza e misión da Escola Diocesana de Axentes de Pastoral. A EDAP tamén se presentará en Pontevedra (o 21 de setembro, ás 20:00 horas nas Calasancias) e na Coruña (o 22 de setembro, ás 20:30 horas no Fogar de Santa Margarida).

Nunha carta remitida aos sacerdotes e responsables das comunidades relixiosas da Arquidiocese, o bispo auxiliar aseguraba que as presentacións da EDAP, que conta con case novecentos inscritos e 26 centros, deben servir para “vivir unha forte experiencia de comuñón eclesial ao redor do noso pastor” e para “ser enviados á misión”.

A Escola Diocesana de Axentes de Pastoral ofrecerá como plan de formación un auténtico itinerario diocesano de discípulos misioneiros. Este itinerario diocesano de discípulos misioneiros, como plan de formación que ofrecerá a Escola, desenvolverase ao longo de dous cursos. Cada un deles constará de doce sesións de traballo de hora e media de duración e de catro encontros especiais.

Os obxectivos desta Escola son:

  • axudar a redescubrir a vocación cristiá desde a Igrexa e para o mundo

  • espertar e cultivar unha profunda espiritualidade laical

  • axudar ao discernimento ministerial e ao compromiso laical

  • ofrecer unha formación básica sobre que significa ser “discípulo misioneiro” de Xesús

  • dar unha capacitación ministerial a quen vén exercendo un ministerio ou se sente chamado a el, en orde a recibir un recoñecemento diocesano e poder así colaborar nun ministerio concreto, formando parte do equipo pastoral dunha unidade pastoral.

A Escola Diocesana de Axentes de Pastoral  funcionará en todo o ámbito territorial da Arquidiocese, a través de distintos centros distribuídos da seguinte forma nas tres Vigairías territoriais:

VIGAIRÍA DA CORUÑA

  1. Fogar de Santa Margarida (I) (Luns, 20:30h)

  2. Fogar de Santa Margarida (II) (Mércores, 20:30h)

  3. Fogar de Santa Margarida (III) (Sábado, 10:00h)

  4. Carballo (Luns, 20:30h)

  5. Betanzos (Sábado, 10:00h)

  6. Pontedeume (Sábado, 17:00h)

VIGAIRÍA DE PONTEVEDRA

  1. Santa María de Pontevedra (Mércores, 20:30h)

  2. Vilagarcía (Luns, 20: 15 h.)

  3. Castrelo (Venres, 20:00h)

  4. Sanxenxo (Venres,20:30h)

  5. Caldas de Reis (Luns, 20:00h)

  6. Nosa Sra. do Carme de Moaña (Sábado, 10:00h)

VIGAIRÍA DE SANTIAGO

  1. Casa de Exercicios (Xoves, 20:00h)

  2. Noia (Venres, 20:30h)

  3. Ribeira (Venres, 20:30h)

  4. Padrón (Sábado, 17:00 h)

  5. Galegos/Mesía/Xanceda/Raíña (Venres, 20:30h)

  6. Serres (Venres, 20:30h)

  7. A Estrada (Venres, 20:00 h)

  8. Cee (Venres, 20:00h)

  9. Milladoiro (Pendente o día e a hora)

  10. Arzúa (Luns, 19:30h)

  11. Arca (Venres, 19:30h)

  12. Ordes (Xoves, 21 h.)

  13. Valadares (Serra de Outes, Mércores, 18 h.)

  14. Santa Comba (Pendente o día e a hora)

En cada un dos centros haberá para participar nas sesións de traballo un “predicador”, un “laico animador” e un “coordinador”.

ESTRUTURA DA FORMACIÓN

Cada unha das sesións de traballo constará de dúas partes:

  • Catequese de adultos (30 minutos). Abordará diversos aspectos fundamentais da fe, cun ton kerigmático

  • Formación ministerial (50 minutos).

O primeiro curso deste itinerario será introdutorio. O segundo incidirá en ministerios específicos:

  • Catequista e profesor

  • Moderador de celebracións en ausencia de sacerdote

  • Liturxia e música

  • Pastoral da Saúde

  • Voluntariado de Cáritas

  • Coordinador parroquial

  • Responsable de economía

  • Acompañamento familiar

  • Acompañamento xuvenil e discernimento vocacional

  • Comunicación e animación socio-cultural

Pola súa banda, os catro encontros especiais serán:

  • Presentación do programa pastoral ao comezo de curso (zonal)

  • Advento (zonal)

  • Coresma (zonal)

  • Asemblea Diocesana de final de curso pastoral (diocesana)

Versión en castelán