O arcebispo preside mañá as Eucaristías da Xornada da Vida Consagrada e da Festa da Presentación

Monseñor Julián Barrio, arcebispo de Santiago, presidirá mañá, día 2 de febreiro, unha Eucaristía para os membros da Vida Consagrada na compostelá Igrexa do Colexio da Nosa Señora dos Remedios (Rúa Orfas, 3). Será a partir das 18:30 horas. Para esta Xornada da Vida Consagrada, D. Julián escribiu unha Carta Pastoral na que indicaba que “me alegra dirixirme a vós uníndome na oración para pedir que día a día crezades na vosa vocación, e que vos sintades orgullosos do amor de Deus que foi derramado nos vosos corazóns co Espírito Santo que se vos deu”.

Na súa carta, monseñor Barrio engadía que “a Xornada Mundial da Vida Consagrada convídanos a todos os diocesanos a dar grazas por este don de Deus á Igrexa co que nos vemos enriquecidos a través dos vosos carismas, sabendo que non é froito do voso voluntarismo senón que é graza de Deus. Axúdanos tamén a coñecervos mellor e a querervos polo que sodes e significades na comunidade eclesial”.

O arcebispo presidirá tamén mañá, na Catedral de Santiago, a Eucaristía das 19:30 horas, para celebrar con todos os diocesanos que desexen acudir a festa da Presentación do Señor.

Versión en castelán