O arcebispo presidirá o acto de acollida aos participantes da III Asemblea da Acción Católica Xeral

Santiago converterase por uns días na “capital” desta organización laical, con 900 persoas inscritas para participar nos traballos

O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Julián Barrio, dará a acollida oficial aos participantes na III Asemblea Xeral da Acción Católica Xeral, que reunirá na cidade do Apóstolo a máis de 900 persoas os días 3 ao 6 do próximo mes de agosto. O acto terá lugar na tarde do día 2 de agosto na Praza do Obradoiro, a partir das 18:30 horas, coincidindo coa chegada dos 1.250 peregrinos que farán o Camiño de Santiago desde Tui. Ao longo dos días de celebración da asemblea da Acción Católica Xeral, unha vintena de cardeais, arcebispos e bispos uniranse en Compostela aos asistentes a este acontecemento que se desenvolverá baixo o lema “Saír, camiñar e sementar sempre de novo”.

Santiago de Compostela converterase nos primeiros días do próximo mes de agosto na “capital” da Acción Católica Xeral, que celebrará o seu Encontro de Laicos de Parroquias-III Asemblea Xeral na cidade do Apóstolo. Xa son 900 as persoas inscritas para participar nos traballos que desenvolverá a Acción Católica Xeral entre os días 3 e 6 de agosto en distintas parroquias e locais de Compostela. Ademais, 1.250 peregrinos farán o Camiño Portugués desde Tui a partir do día 27 de xullo.

Coincidindo coa chegada destes peregrinos o día 2 de agosto, a Igrexa diocesana de Santiago previu un acto de acollida na Praza do Obradoiro, que presidirá o arcebispo, monseñor Julián Barrio. Será un encontro que se celebrará desde as 18:30 horas dese día 2 de agosto.

Previamente, os peregrinos celebrarían unha Eucaristía no templo recentemente inaugurado de san Xosé de Milladoiro, unha cerimonia que presidirá o cardeal-arcebispo de Madrid, monseñor Carlos Osoro, a quen acompañará o arcebispo de San Juan de Cuxo (Arxentina), monseñor Jorge Eduardo Lozano; o bispo auxiliar de Santiago, monseñor Jesús Fernández; o bispo presidente da Comisión de Apostolado Segrar da Conferencia Episcopal, monseñor Javier Salinas; e Raúl Tinajero, responsable da área de Mocidade da Conferencia Episcopal.

Vixilia de oración

Esa mesma tarde do día 2 de agosto celebrarase unha Vixilia de Oración na Catedral, presidida polo bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández

Ao día seguinte, 3 de agosto, na Parroquia de san Fernando iniciaranse os traballos formais da III Asemblea Xeral da Acción Católica Xeral. Na presentación do encontro intervirán o presidente desta organización laical, Antonio Muñoz; o presidente da Comisión Episcopal de Apostolado Segrar, monseñor Javier Salinas; e o titular da Arquidiocese santiaguesa, monseñor Julián Barrio. Pola tarde, o arcebispo arxentino de San Juan de Cuxo, monseñor Jorge Eduardo Lozano, pronunciará nas  instalacións do colexio La Salle unha conferencia sobre “Parroquias con actitude de saída”.

O venres día 4 de agosto, os participantes na III Asemblea distribuiranse por distintas igrexas da cidade para traballar o tema “Construíndo parroquias con actitude de saída”. Haberá un diálogo co cardeal Carlos Osoro e Emilio Inzáurraga, coordinador do Foro Internacional de Acción Católica (FIAC); ou intervencións de Tote Barreira, coordinador das Ceas Alpha-España, ou de Silvia Martínez Cano, presidenta da Asociación de Teólogas Españolas. Unha Eucaristía na Catedral, presidida por monseñor Julián Barrio, poñerá fin á xornada ás 20:45 horas.

Mesas redondas

A xornada do sábado día 5 de agosto terá como eixos de participación distintas mesas redondas: mesa da Familia, mesa da Cultura, mesa do Traballo e mesa do Ámbito sociopolítico, con presenza, entre outros, do bispo de Bilbao, Mario Iceta; do bispo de Sigüenza, Atilano Rodríguez; do bispo de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco; ou do bispo auxiliar de Valladolid, Luís Argüello. Nunha das mesas, a de Ámbito sociopolítico intervirá, ademais, a conselleira do Mar, Rosa Quintana.

Nesa mesma tarde do sábado votaranse os obxectivos da Acción Católica Xeral para o próximo cuadrienio e, como remate dos traballos, haberá un festival.

Na xornada do domingo, última desta cita en Compostela, o bispo consiliario de Acción Católica Xeral, monseñor Carlos Escribano, que acompañará os peregrinos que fagan o Camiño Portugués, e o presidente da organización, Antonio Muñoz, falarán no plenario sobre “O asociacionismo laical”. A Eucaristía de clausura do encontro terá lugar na Catedral compostelá a partir das 10:30, presidida por monseñor Ricardo Blázquez, cardeal-arcebispo de Valladolid e presidente da Conferencia Episcopal Española (CEE), a quen acompañará o cardeal Antonio Cañizares, arcebispo de Valencia.

Os organizadores estableceron, ademais, un programa paralelo de formación e actividades para os máis pequenos: así, hai actos para o chamado Sector de Mozos, entre os 14 e os 18 anos; e actividades para o Sector de Infancia. Previuse, igualmente, un servizo de gardería permanente ao longo dos días do encontro para os menores de 6 anos, con acollida especializada entre os 0-3 e os 3-6 anos.

Acción Católica Xeral a través de relatorios, obradoiros, paneis, experiencias e achegas dos asistentes, proponse traballar neses días do mes de agosto os seguintes retos:

  • Construíndo parroquias con actitude de saída
  • Retos e actitudes para esta renovación misioneira
  • Laicos para parroquias en saída
  • Vocacionados a santificar o mundo. Ámbitos de presenza
  • Obxectivos e liñas de acción
  • Camiñando xuntos

Tal e como eles mesmos explicaron, “aspiramos a que sexa un espazo aberto de profundización e comuñón que nos transcenda, onde camiñar con outros laicos de parroquias xuntos. Pretendemos redescubrir a nosa vocación ao seguimento radical de Cristo para saír á “misión, que non é unha tarefa entre tantas na Acción Católica, senón que é a tarefa”, e desexamos asumir “a totalidade da misión da Igrexa en xenerosa pertenza á Igrexa diocesana desde a Parroquia” (Papa Francisco ao II Congreso Internacional de A.C. 27/04/17).

A asemblea de Santiago, precedida da peregrinación desde Tui, rememora aquela magna peregrinación organizada polos mozos de Acción Católica no ano 1948, unha cita impulsada por Manuel Aparici, a quen se chamou na súa época capitán de peregrinos e que actualmente está en proceso de beatificación. Naquel verán miles de mozos de toda España, a quen a Guerra Civil había impedido celebrar o Ano Santo Xacobeo de 1937 déronse cita na cidade do Apóstolo, nun acontecemento histórico para Compostela e para a Acción Católica.

De Manuel Aparici é a frase peregrinar é camiñar por Cristo ao Pai, a impulsos do Espírito Santo, coa axuda de María, levando consigo aos irmáns, que quedou para sempre como lema do sentido espiritual cristián do Camiño de Santiago.

Manuel Aparici (Madrid, 1902-1964) foi Presidente Nacional dos Mozos de Acción Católica e posteriormente, tras ser ordenado sacerdote en Madrid no ano 1947, foi tamén Consiliario Nacional dos Mozos de AC. O 27 de marzo de 2013 foi declarado venerable polo Papa Francisco, un primeiro paso no camiño do seu beatificación. A Comisión Prol-Causa Manuel Aparici está formada por representantes das asociacións vinculadas á figura do Venerable Aparici: Arquidiocese de Madrid (Delegación para Causas dos Santos), Peregrinos da Igrexa, Acción Católica Xeral, Cursos de Cristiandade e Asociación Católica de Propagandistas.

Versión en castelán