Arcebispo e alcalde de Santiago reuníronse para dialogar sobre a preparación do Ano Santo 2021

  • Un encontro no Arcebispado sobre o que ambos coincidiron en que houbese “sintonía”
  • Monseñor Barrio: “Ao señor alcalde e a min agradaríanos moito que o Papa puidese vir durante o Ano Santo”

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, recibiu hoxe no Arcebispado o alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo. Un encontro sobre o que ambos os interlocutores coincidiron en que houbese “sintonía”. Esta reunión enmárcase na serie de contactos que o novo rexedor compostelán está a manter coas distintas institucións vinculadas á cidade do Apóstolo.

Tras case unha hora de reunión, monseñor Barrio comentou aos medios de comunicación que se deron cita no Arcebispado o seu agradecemento á visita do alcalde. “Agradezo ao alcalde”, dixo, “que pedise ter este encontro, que a min me deu a posibilidade de cambiar impresións sobre a preparación deste acontecemento inmediato que temos, como é o Ano Santo”.

“Tamén me agrada moito”, engadiu o arcebispo, “terlle oído ao alcalde que non é só o Ano Santo 2021, senón que hai que pensar no Ano Santo de 2027 e no Ano Santo de 2032”. O arcebispo asegurou que “por parte da Iglesia estamos intentando preparar esa acollida espiritual e relixiosa aos peregrinos, pero somos conscientes de que necesitamos a colaboración das institucións civís”. Monseñor Barrio indicou que o Ano Santo 2021 é un “gran reto” e explicou que “é unha colaboración que eu pido e agradezo”. Dixo tamén que a Igrexa diocesana ofrece a súa colaboración ás institucións civís, “pensando nese ben común non só para o Concello, para a cidade, senón para Galicia e, mesmo, para España”.

“Por iso”, engadiu o arcebispo nas súas declaracións aos medios, “agradezo a sintonía que temos neste momento e que nos vai levar a facer de Santiago esa cidade que, coa que eu eu soño a miúdo, sexa a cidade da cultura do encontro, que trate de dar resposta aos interrogantes e ás preocupacións que se lle están presentando aos homes dos nosos días. Esta é a inquietude e a preocupación que compartimos. Eu agradezo moito que o señor alcalde quixese vir ata o Arcebispado”, manifestou D. Julián.

Posible visita do Papa

Os medios de comunicación tamén preguntaron ao arcebispo sobre unha posible visita do Papa a Santiago no Ano Santo Xacobeo. “Non lles caiba dúbida de que ao señor alcalde e a min agradaríanos moito que o Papa puidese vir durante o Ano Santo. Imos intentalo. Imos facer o esforzo que poidamos. Pero isto non é garantía de que realmente este desexo noso se poidase converter en realidade”.

Sobre se o papa Francisco necesitaría unha invitación, o arcebispo compostelán indicou que “o Papa non necesita ser convidado; a Igrexa compostelá  é a súa Igrexa tamén. O cal non quita que dalgunha maneira se faga a suxestión, se faga a invitación con motivo do Ano Santo”. E finalizou dicindo que esa invitación “si se fixo”.

Monseñor Barrio tamén falou sobre o feito de que o alcalde fose designado este ano como delegado rexio para a Ofrenda ao Apóstolo. “É algo que eu teño que agradecer, no sentido de que a decisión a toma a Casa Real, que é quen convida; por parte do arcebispo nós sempre teremos esa actitude de recoñecemento e de agradecemento!”.

O arcebispo comentou, ademais, que toda a tradición vinculada ao Día do Apóstolo, é como tomar “conciencia da realidade e da situación na que nos atopamos. Eu moitas veces penso no Apóstolo, que vería pasar a moitos arcebispos, a moitos delegados rexios e, efectivamente, iso é un signo desta continuidade dunha tradición que, entendo, non se debe perder”.

Mentres, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, explicaba que o mantemento da ofrenda nacional ao Apóstolo o día 25 de Julio é “un recoñecemento da Casa Real” cara á cidade de Santiago e unha “aposta”  por Compostela.

O rexedor aludiu, igualmente, á “sintonía e compromiso” co arcebispo para sacar adiante os temas e asuntos que incumben á cidade, expresando o seu desexo de traballar “con todas as institucións representativas da cidade”. Definiu o estado da relación entre a Igrexa e o Concello “como excelente” e engadiu que a súa vontade é colaborar coa Igrexa “ao cento por cento”.

Versión en castelán