Asemblea de Catequistas 2018 de Santiago de Compostela: Unha experiencia de fe en comunidade

“Portadores de Auga viva”, foi o lema que animou este ano a asemblea Diocesana de Catequistas celebrada o pasado sábado, á que asistiron máis de 300 catequistas provenientes de tantas parroquias da nosa xeografía diocesana. Desde hai un par de anos este primeiro fin de semana de marzo é o día do catequista na Diocese, en coincidencia coa conmemoración anual da morte do sacerdote, catequeta e catequista infatigable, primeiro Director do Secretariado Diocesano de Catequese, o servo de Deus D. Baltasar Pardal Vidal † ( 3 de marzo de 1963).

O que alí vivimos foi realmente unha experiencia de fe en comunidade, onde a pluralidade na Igrexa apareceu como riqueza, nun clima de comuñón e camiño xuntos. Contamos coa presenza do noso Arcebispo Don Julián Barrio, e o seu Bispo Auxiliar, Don Jesús Fernández. Foi nutrida tamén a asistencia de párrocos e sacerdotes, relixiosas e relixiosos, seminaristas maiores, movementos laicales e eclesiais dos diversos ámbitos evanxelizadores e pastorais da Diocese.

A xornada desenvolveuse en dous espazos moi emblemáticos, dunha forte resonancia benedictina: o Seminario Maior (antigo Mosteiro beneditino de san Martiño), que abriu as súas portas par acoller a todos os catequistas; e o Mosteiro de san Paio de Antealtares, onde vive e reza unha comunidade de relixiosas beneditinas.

Tras a retirada de materiais, unha cálida acollida realizada polo Coro parroquial de san Rosendo da Coruña, o Sr. Arcebispo, Don Julián saudou os presentes. Nas súas sentidas palabras, animou a todos os catequistas da Diocese a non “estrañar o pasado, porque é correr tras o vento”, aínda que “temos un pasado glorioso”, dicía en referencia a D. Baltasar, gran catequeta e catequista e iniciador do Secretariado de Catequese Diocesano. Tamén os convidou a non “facer da nosa pastoral un muro de lamentacións”, senón unha pastoral de esperanza, porque o catequista sabe ben onde vai e iso dálle seguridade e unha dirección, e fortaleza na súa misión. Para o prelado, o catequista é portador de auga viva cando anuncia a Palabra de Deus e se pon ao servizo da alegría dos demais.

Despois, con profusión de creatividade e bo humor, á vez que con profundidade e unha gran dose de espiritualidade, D. Fabio Pallotta, relixioso Guaneliano, dirixiu o Relatorio marco da xornada. Co titulou “O don máis grande”, introduciu aos catequistas no que foi a icona bíblica da Xornada, extraído do texto evanxélico da Samaritana (Xn 4, 5-30). Ademais de facernos unha lectura espiritual da pasaxe bíblica, D. Fabio soubo extraer as aplicacións concretas para a vida e a misión do catequista actual que nel se encerran.

A continuación, tras un merecido café, onde tamén seguir gozando da fraternidade, os catequistas foron convidados a dirixirse ás Benedictinas, para participar nunha experiencia de oración, meditación, contemplación e adoración preparada polos membros da Delegación de Catequese, na que se combinaron e se puxeron en xogo diversos elementos: audiovisuais, escénico-dramáticos, litúrxico-celebrativos, … . Trátase doutro achegamento complementario, nesta ocasión máis experiencial e oracional, á icona bíblica do día; e, concretamente, realizado a partir da profundización na “sede de Xesús e a Samaritana”.

Como era de esperar, tras un bo traballo, houbo oportunidade de gozar dun xantar ben merecido, compartindo o sabor orixinal do que cada catequista trouxo da súa casa e puxo a disposición de todos os asistentes.

Pola tarde, os catequistas foron divididos en pequenos grupos para participar nos diversos obradoiros preparados, ata un total de 12.

  1. A dimensión celebrativa da catequese

  2. Obradoiro de oración e vida (Padre Ignacio Larrañaga)

  3. Orar cos nenos na catequese

  4. Kerigma e catequese

  5. Pedagoxía do encontro

  6. Acompañar na catequese

  7. Familia e catequese

  8. Catequese e compromiso social

  9. O A-Z do catequista segundo don Baltasar Pardal

  10. “Catequese Dis-ferente” para persoas con discapacidade

  11. Life Teen

  12. Arte e catequese

Doutra banda, durante todo o día os catequistas asistentes puideron achegarse ás diversas casetas pastorais, que se dispuxeron no claustro baixo do Mosteiro de san Martiño. Todos eles representaba algunha das realidades implicadas na catequese, ou facían referencia a diversas experiencias e movementos que están relacionadas coa catequese na diocese. Quen se achegou non só puido coñecer de primeira man a rica realidade que existe na catequese, senón adquirir materiais, información e consultar as súas dúbidas e compartir inquietudes:

  • Caritas

  • Mans Unidas

  • Entreculturas, ONG de Desenvolvemento da Compañía de Xesús

  • Catequese “Dis-ferente”

  • Delegación de Catequese

  • Delegación Diocesana de Vocacións

  • Scouts Diocesanos

  • Proxecto de post-comuñón 5+1

  • Godly Play

  • Materiais dunha editorial católica

Concluíase a xornada cunha solemne e emotiva Eucaristía no Mosteiro das Beneditinas, presidida polo noso Arcebispo e concelebrada polo seu bispo auxiliar, D. Jesús, e abundantes sacerdotes e párrocos. Como signo de envío entregouse: “un cubo”, co que se quixo lembrar aos catequistas que sempre han de ser portadores de auga viva.

Cada catequista, en representación da parroquia á que pertencía, recolleu este signo para levalo ás súas comunidades e utilizalo ao día seguinte nas eucaristías dominicais; pois se neste día se quixo celebrar o “Día Diocesano do Catequista”, o domingo celebrábase en toda a diocese o “Día Diocesano da catequese parroquial”, co fin de revalorizar e recoñecer este ministerio tan necesario nas nosas comunidades.

Ao final da Misa, fíxose tamén un sinxelo pero sentido recoñecemento aos catequistas que durante máis de 50 anos, 50 ou 25 anos realizaron este ministerio, ofrecendo vida e corazón ao servizo da catequese na Diocese, outorgándolles un diploma por mans do Sr. Arcebispo, acompañado do seu bispo Auxiliar.

Todos os momentos vividos, as experiencias compartidas e a diversidade e pluralidade na comuñón, uníronse na xornada vivida para mostrar un fermoso vitral, inmenso de colorido e harmonía, onde unha vez máis se trasluciu a Cristo, onde se transmitiu a súa mensaxe de comuñón e amor, para gloria do Pai e pola forza do Espírito. Por todo iso damos grazas a Deus.

Agradecemento especial ao Seminario Maior e os seus seminaristas, á comunidade beneditina do Mosteiro de san Paio de Antealtares; aos voluntarios, ás persoas que estiveron á fronte dos obradoiros e nas casetas; e a todos vós catequistas, asistentes e aqueles que non puideron asistir, pola vosa preciosa e imprescindible misión.

Fonte: www.catequesisdegalicia.com

Versión en castelán