¿Cal é o camiño e a meta?

Reproducimos polo seu interese e importancia, o artigo que o arcebispo, monseñor Julián Barrio, publica na edición do diario LA VOZ DE GALICIA, este luns día 27 de abril de 2020.

Con este confinamento por causas inherentes á pandemia do coronavirus estou seguro que estamos a botar en falta algunhas formas de vida que ata o de agora tiñamos sen caer na conta de que nestas circunstancias non son viables: pero a preocupación non ha de ser tanto o que non podemos facer, canto o que podemos facer. Vemos as nosas rúas en soidade porque as persoas resgárdanse do encontro cos demais. As epidemias non están feitas á medida do home, por tanto o home pensa que as epidemias son irreais, un mal soño que ten que pasar. Cóllennos sempre desprevidos. E no medio de toda esta situación hai unha cousa que se desexa sempre e obtense algunhas veces: a tenrura humana como factor humanizador.

«Cando se renuncia á distinción entre o que é verdadeiro e o que é falso, entón o espírito enferma» (Guardini). Estamos a vivir nunha dinámica na que pensabamos poder vivir a liberdade sen verdade ou a verdade sen liberdade, o que nos conduce a unha erosión antropolóxica. Estes días temos tempo para soñar e estou seguro de que soñamos que esta situación termine canto antes, que é posible un novo estilo de vida, e que temos que deixar que Deus entre nas nosas vidas, porque, como nos di o ensino da Igrexa, organizar a sociedade á marxe de Deus é organizala contra o home. No novo escenario en que estamos chamados a actuar temos que poñernos, todos, ao choio para lograr un ben común que, segundo a Doutrina Social da Igrexa, comporta liberdades, relacións e necesidades mirando á dignidade da persoa humana. De maneira especial debemos sentirnos sociedade asociada nunha normalidade que será diferente. Comprobando o caudal da creatividade subxectiva humana nestes días, todo iso debe ser canalizado nunha convivencia na que ninguén debe sentirse eximido de ofrecer a colaboración pertinente. Un ben común no que temos que traballar e ha de beneficiar ao común. É cuestión de todos os que formamos a sociedade.

Gustaríame dicir que navegamos por mares de incerteza, pero a realidade é que seguimos navegando no mar desta pandemia sen intuír con definición precisa os cambios que se van producir relixiosa, económica, cultural, política e socialmente na nosa convivencia. Lin reflexións que consideran que volveremos ao mesmo unha vez que isto pase. Pero intúo que será outro estilo de vida no que configuremos os nosos hábitos e costumes. Por que non pensar nunha sociedade con persoas relacionadas solidamente, capaces de mirar sobre todo o lado positivo cunha visión clara de fraternidade e solidariedade que nos axudará a otear novos horizontes? Temos que construír unha convivencia na que sexa necesario tomar decisións conxugando a autonomía e a corresponsabilidade co ánimo de ser felices, sabendo que «a vida feliz é o gozo da verdade», segundo santo Agostiño.

Nestes días talvez nos deamos conta de que arrincamos as raíces da nosa orixe, «comendo o pan da memoria». A Igrexa, nin nos momentos máis difíciles se retirou da sociedade, nin o está facendo agora nin o fará no futuro. O único camiño que ten que percorrer é o home. E a súa misión é seguir afirmando que Deus se fixo home para salvar o home. Está chamada a ser actriz no desenvolvemento da política global con dous principios: ·Amarás o Señor o teu Deus e o próximo como a ti mesmo», e a dignidade do home asénta en que é fillo de Deus en Cristo e por El. Colabora coa sociedade na solución dos grandes problemas comúns a todos, sen perder a súa condición profética ante a desproporción entre o poder tecnolóxico-económico e o crecemento-responsabilidade moral, afirmando a vida eterna e denunciando o silencio do pensamento actual sobre as angustias e dramas psicolóxicos que acosan especialmente o noso Occidente.

Preocúpalle a perda do sentido da transcendencia que leva a esquecer ou negar a Deus, a negación da diferenza entre o ben e o mal, e a ofensa á condición humana que supoñen as diferenzas abismais entre os países ricos e os pobres. Non é allea ao compromiso ante o reto da progresiva secularización, da preservación da orde natural das cousas e da construción da paz, asumindo con humildade unha actitude misioneira e evanxelizadora. Todo iso desde a conciencia clara de que a comunidade política e a Igrexa son entre si independentes e autónomas no seu propio campo, aínda que están ao servizo da vocación persoal e social dos mesmos homes a través dunha sa cooperación entre ambas as (cf GS 76), podendo a Igrexa sempre e en todo lugar predicar a fe con verdadeira liberdade e emitir un xuízo moral tamén sobre as cousas que afectan a orde político, cando o esixen os dereitos fundamentais das persoas ou a salvación das almas. A preocupación non é outra que colaborar a un renacemento xeneralizado. Nestes momentos ben está lembrar o que di o proverbio: «Non chega antes o que vai máis de présa, senón o que sabe onde vai».

+Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela

Versión en castelán