Cáritas diocesana presenta a campaña “Ninguén sen fogar”

  • Participación e empoderamiento das persoas sen fogar son os eixos centrais da campaña.
  • A tendencia é a atender a estas persoas en centros pequenos, semellantes a verdadeiros fogares.
  • Urxente, imprescindible e posible acabar co “sinhogarismo” son os tres conceptos crave.
  • Entre os materiais elaborados por Cáritas está un vídeo que pode verse en https://www.youtube.com/watch?v=FwPrJYZekss (versión curta, de 1’03  minuto)
  • https://www.youtube.com/watch?v=OoGzqYfE2gE (versión longa, de 3’35  minutos)
  • Con motivo desta campaña, o arcebispo compostelán, mons. Julián Barrio, emitiu unha carta pastoral.

Desde Cáritas estáselle dando todo o protagonismo nesta campaña ás persoas sen fogar. Trátase de conseguir que participen activamente na defensa dos seus dereitos. De feito, boa parte desta campaña e o manifesto que hoxe se fai público foron elaborados por eles. En definitiva, “participación e empoderamiento”. Pero tamén se persegue facer visibles a estas persoas. Esta é precisamente o leit motiv do vídeo elaborado este ano.

A campaña vira ao redor de tres ideas básicas que presentou en rolda de prensa o responsable do programa de Persoas sen Fogar da Cáritas diocesana de Santiago. Íñigo Erranz insistiu en que “non podemos habituarnos á banalidade desta situación. Na crise afixémonos a convivir con situacións de máxima pobreza”. A campaña busca precisamente concienciar á sociedade sobre un problema que só en Galicia afecta a máis de catro mil persoas.

Afirmou Íñigo Erranz que estamos ante unha cuestión de dignidade humana, e por tanto é urxente. Están en xogo dereitos humanos, e por tanto é imprescindible acabar con esta situación que, ademais, non é irreversible senón que é un obxectivo realista, e por tanto, posible.

O obxectivo de Cáritas é que tanto a sociedade en xeral como os poderes públicos tomen conciencia dun problema que conculca os dereitos fundamentais das persoas sen fogar. Neste sentido Cáritas lembra que o artigo 47 da nosa Constitución di que: “Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do chan de acordo co interese xeral para impedir a especulación”.

Explicou Íñigo Erranz que este ano se buscou “unha campaña moi plástica, que incide na atención prestada ás persoas sen fogar e sobre todo na incidencia política e na capacidade que temos de cambiar unha sociedade que expulsa e marxina aos máis débiles”. Unha situación escandalosa, sobre todo se se ten en conta que en España hai máis de tres millóns de vivendas baleiras.

O responsable do programa de Persoas sen Fogar da Cáritas diocesana explicou tamén que nos últimos tempos está a atenderse a menos persoas, pero que a actuación é máis intensa, é dicir, que cubrir as súas necesidades básicas é cada vez máis custoso. Por exemplo, pasouse de acoller en albergues ou de pagar unha pensión a solucións alternativas de máis calidade humana e máis estabilidade.

A campaña terá o seu epicentro este próximo domingo día 25, pero está a desenvolverse con intensidade ao longo de toda esta semana. Os colexios recibiron os materiais elaborados por Cáritas para sensibilizar aos escolares. O domingo todas as parroquias da diocese farán campaña. En Vilagarcía de Arousa correrase un media maratón solidaria e en Carballo Cáritas abriu, no atrio da parroquia, unha carpa solidaria que funcionará ata o 15 de decembro. A campaña coincide tamén coa conmemoración, este domingo 25, do día Mundial da Eliminación da Violencia contra a Muller. Por esa razón, a Campaña quere visibilizar a realidade das mulleres en situación de sen fogar, a miúdo invisible e descoñecida, e que en moitos casos sofren situacións de maior vulnerabilidade que os homes debido á falta de adecuación dos servizos á súa realidade.

Versión en castelán