Cáritas Diocesana de Santiago e o Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia axudarán aos internos do cárcere de Teixeiro a mellorar a súa saúde visual

  • José Anuncio Mouriño, director da organización caritativa: “Vimos a necesidade de poñer en marcha un programa para prestar atención óptica e optométrica”
  • Eduardo Eiroa, presidente do colexio profesional: “É unha ocasión estupenda para que organizacións profesionais como a nosa podamos botar unha man nesta tarefa altruísta e solidaria”

O director de Cáritas Diocesana de Santiago, José Anuncio Mouriño, e o presidente do Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia, Eduardo Eiroa, asinaron un convenio de colaboración para prestar asistencia óptica e optométrica aos internos que se atopen no Centro Penal de Teixeiro.

No seu labor de apoio a diversos grupos sociais en situación de precariedade ou exclusión social, Cáritas Diocesana de Santiago colabora habitualmente con persoas, empresas, institucións, colexios profesionais e congregacións relixiosas para facer posible a realidade dun mundo máis xusto para todas as persoas. Pola súa banda, o Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia quere actuar na área de apoio social aos máis desfavorecidos conforme aos criterios de boas prácticas que rexen no seu código deontolóxico.

O convenio, dun ano de duración, fixa os termos de colaboración entre o Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia e Cáritas Diocesana de Santiago. O acordo regulará as prestación de asistencia por ambas as partes aos internos de Teixeiro que carezan de recursos económicos, en vista a poder mellorar a súa saúde visual, ofrecéndolles asistencia e materiais de calidade similares aos ofrecidos na práctica privada, co propósito de mellorar a saúde integral e visual dun dos colectivos máis desfavorecidas da sociedade.

José Anuncio Mouriño explica que, a través do programa de Reclusos, Exreclusos e Orientación Xurídica de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, integrado en Pastoral Penal, a organización detectou que moitos reclusos, carentes de recursos económicos, padecían limitacións ópticas. “Vimos a necesidade de poñer en marcha un programa para prestar atención óptica e optométrica” –indicou o director, que ademais sinalou que se trata dunha actuación na que o centro de acción en Cáritas é a persoa que sofre e padece diversas necesidades.

O Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia manifesta a súa satisfacción por poder achegar o seu “granito de area” a esta causa, da man dunha institución “acreditada” na axuda aos demais. “É unha ocasión estupenda para que organizacións profesionais como a nosa podamos botar unha man nesta tarefa altruísta e solidaria, podendo ademais canalizar aspiracións de voluntariado entre os nosos colexiados” –subliña o seu presidente, Eduardo Eiroa–.

Segundo as tarefas fixadas no acordo, o colexio profesional participará con Cáritas na selección do persoal que acudirá ao centro penal para atender aos internos. Pola súa banda, Cáritas comprométese a xestionar os permisos administrativos e sanitarios necesarios para a prestación do servizo. Tamén seleccionará aos internos de Teixeiro que necesiten asistencia visual e contactará cos ópticos-optometristas voluntarios para planificar as visitas ao centro penal.

(Fonte: Colegio de Ópticos-Optometristas de Galicia
http://opticosoptometristasdegalicia.org/caritas-diocesana-de-santiago-y-el-colegio-de-opticos-optometristas-de-galicia-ayudaran-a-los-internos-de-la-carcel-de-teixeiro-a-mejorar-su-salud-visual/)

Versión en castelán