Cáritas en Galicia presenta o informe FOESSA sobre exclusión e desenvolvemento social

  • O acto terá lugar o día 26 de setembro na Casa Diocesana de Exercicios de Santiago

O VIII Informe FOESSA sobre Exclusión e Desenvolvemento Social en Galicia, froito da investigación realizada pola Fundación FOESSA a través da Enquisa sobre Integración e Necesidades Sociais 2018, será presentado oficialmente en Santiago durante un acto que se celebrará o día 26 de setembro na Casa Diocesana de Exercicios de Santiago. No documento reflíctense cales son as características do eixo integración-exclusión social, que van moito máis alá do tradicional modelo de análise centrada na pobreza monetaria e a privación material. Ofrece unha descrición moi detallada en datos que explican a situación das persoas e os fogares en situación de exclusión en Galicia. Unha comunidade con niveis elevados de envellecemento, taxas reducidas de pobreza monetaria e desigualdade de renda, e un gasto social lixeiramente superior á media estatal.

Programa

O encontro, organizado por Cáritas en Galicia, será presidido polo bispo de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Luís Anxo das Heras Berzal, prelado acompañante de Cáritas en Galicia. O programa previsto para a reunión, na que participasen representantes da Administración e dos sectores sociais de Galicia vinculados cos temas da atención e asistencia social a persoas desfavorecidas, será o seguinte:

10.00 h:

 Conferencia, “A sociedade desordenada e insegura. Riscos globais aos que nos enfrontamos”.

Relatores: Raquel Martínez Buján e Antonio Izquierdo Escribano, profesores da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña.

11.15 h

Descanso-café

11.30 h:

Rolda de prensa: presentación aos medios de comunicación do Informe

12 .00 h:

 Presentación oficial do “VIII Informe FOESSA, sobre a exclusión e desenvolvemento social de Galicia”, a cargo de Guillermo Fernández Maíllo, director da Fundación FOESSA.

FOESSA

A Fundación FOESSA (Fomento de Estudos Sociais e Socioloxía Aplicada) constituíuse en 1965, co impulso de Cáritas Española para coñecer de forma obxectiva a situación social de España. Foi pioneira na introdución da investigación empírica a través dos informes sobre a situación e o cambio social de España que sinalan a importancia de coñecer a situación do noso país a través da análise dos procesos, as estruturas e as tendencias que marcan a evolución social. Desde o ano 1995 enfócase no desenvolvemento e a exclusión social en España e nas Comunidades Autónomas.

Versión en castelán