Cáritas chama a poñer cara ás persoas sen fogar

  • Pide visibilizar a súa realidade e denuncia o modelo económico que os expulsa
  • 27 de outubro, Día das Persoas Sen Fogar

A mirada fixa de Sara , unha muller sen fogar de 41 anos, é a que se asoma, xunto ao lema “Ponlle cara”, aos carteis deseñados para a Xornada de Persoas Sen Fogar que se celebra o domingo 27 de outubro, co obxectivo de impulsar en toda a cidadanía a toma de conciencia sobre a realidade de exclusión social extrema dunhas persoas que, lonxe de remitir, agravouse nos últimos anos, así como denunciar un modelo socioeconómico xerador de descarte e expulsións que ten o seu maior impacto nas persoas sen fogar.

A mensaxe sobre o que se quere incidir a través do lema co que se convoca o Día de Persoas sen Fogar deste ano é, “Pon cara ao senfogarismo, xa basta! Ninguén sen fogar é posible”.

Ao elixir como imaxe da campaña deste ano un rostro feminino quérese destacar como o problema do senfogarismo afecta dobremente as mulleres, quen xunto a unha menor visibilidade na rúa, son moito máis vulnerables a sufrir agresións e situacións de violencia.

Actos diocesanos

A nivel diocesano dispúxose unha serie de actos que se van a prolongar ao longo da semana. Estas van desde conferencias e concertos musicais, a encontros con usuarios dos servizos de Cáritas, xornadas técnicas para axentes da institución, portas abertas en todos os centros onde se acolle as persoas sen fogar e a visita institucional ao Centro Vieiro,

Os actos programados cos seguintes:

Día 23 ás 19 horas no Fogar Santa Margarida da Coruña, conferencia de Fernando Vidal sobre “Novas perspectivas do senfogarismo”.

Día 24, ás 12 horas no comedor social de Cáritas Interparroquial de Arousa acto público de lectura do Manifesto de Campaña.

Día 24, ás 20 horas na librería San Paulo de Santiago presentación do libro “Nunca sabes onde che le a vida”, de Michael Künstler.

Día25 ás 20 horas na igrexa de Santo Agostiño de Santiago concerto do grupo “Si Vis Me Canere”.

Día 26, ás 13 horas visita o centro Vieiro o arcebispo de Santiago.

Día 27, xornada de portas abertas e de sensibilización sobre Persoas sen Fogar.

Persoas sen fogar

“Quedei sen traballo, o banco desafiuzoume e agora vivo na rúa. O peor é que parece que deixas de existir. Chegou un momento no que non me importaba nada”. Estas palabras de Sara poñen voz á experiencia de desarraigamento que viven máis de 40.000 persoas que seguen estando en situación de sen fogar en todo o territorio español.

A estas engádense os miles de familias afectadas por algún dos 59.671 desafiuzamentos que se realizaron en 2018 en toda España, un 62,5% deles como consecuencia dos lanzamentos derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos e outro 31,7% derivados de execucións hipotecarias.

Esta situación de grave vulnerabilidade á que está suxeito o dereito á vivenda no noso país vén rubricado tamén polos datos do VIII Informe FOESSA onde se apunta a que case 800.000 fogares e 2,1 millóns de persoas sofren situacións de gran precariedade na vivenda.

A importancia da prevención

Ademais de denunciar e cuestionar o actual modelo socioeconómico que xera tantas situacións de descarte, e que ten o seu maior impacto nas persoas sen fogar, as organizacións que convocan esta Xornada poñen o foco na importancia da prevención como parte da solución deste problema, tanto a través de propostas que permitan anticiparse á perda do fogar, como de medidas políticas que garantan o dereito á vivenda.

De forma concreta, reclámase a articulación de medidas como:

  1. Prevención das situacións de perda de vivenda
  2. Protocolos de actuación á saída dos recursos sociais para estas persoas, destinados a previr situacións de maior exclusión residencial
  3. Sistema de garantía de ingresos mínimos e suficientes, de ámbito estatal, para que toda persoa en situación de pobreza teña dereito a un ingreso mínimo que lle facilite afrontar esta situación de precariedade e avanzar en procesos de inclusión.

Unha situación que se deteriora

As dificultades de acceso a unha vivenda digna agraváronse nos últimos anos. Como sinalan as entidades promotoras do Día de Persoas Sen Fogar, con datos achegados por FOESSA no seu último Informe, dez anos despois do comezo da crise económica e catro despois do seu punto de inflexión en 2013, as persoas en situación de exclusión social incrementáronse un 12% máis, mentres un 40% na poboación que sofre exclusión social severa.

Nese mesmo Informe indícase que case 800.000 fogares e 2,1 millóns de persoas sofren situacións de inseguridade na vivenda.

Ao agravamento desta situación contribúe o feito de que a vivenda de aluguer social supoña un instrumento residual na política de vivenda española. Aínda que non se dispón de datos exactos sobre o seu número, a maioría dos estudos estiman que o parque social existente a data de hoxe só representa entre o 1% e o 2,5% do total de vivendas principais.

Chamada á acción

Xunto á diagnose do problema e a denuncia dos efectos que a falta de vivenda supón para centos de miles de persoas en España, desde a Campaña de Persoas Sen Fogar lánzase un chamamento á acción individual e colectiva para reverter esta realidade. De forma concreta, fanse estas catro propostas:

  • A toda a cidadanía, para liberarnos de prexuízos e medos, e aproximarnos á realidade do senfogarismo, sobre todo ás persoas que o sofren, entendendo a súa situación como unha vulneración de dereitos humanos e de dignidade que ten solución.
  • Ás entidades sociais, para que impulsen espazos de coordinación e traballo en rede, para avanzar en respostas axeitadas e eficaces a situacións de prevención do senfogarismo das persoas coas que traballamos.
  • Aos medios de comunicación, para que lideren unha información sensible e non estereotipada da realidade das persoas en situación de sen fogar, onde se incorpore o discurso e narrativa das propias persoas afectadas polo senfogarismo.
  • Ás Administracións públicas, para articular sen demoras unhas políticas públicas de prevención do senfogarismo reais, que se anticipen á perda do fogar e que garantan o acceso aos recursos necesarios para iso, promovendo a creación dun parque de vivenda pública de aluguer social adecuado e facilitando o acceso ás persoas en situación de maior vulnerabilidade residencial.
Versión en castelán