Cáritas encárgase do día a día no albergue para as persoas sen fogar instalado no Seminario de Belvís

  • Os internos permanecerán nestas dependencias, cedidas polo arcebispado, durante o tempo da alerta sanitaria polo coronavirus

Persoal do Centro Vieiro, de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, contando co apoio de integrantes da Interparroquial, encárganse do día a día do centro de atención que se instalou no Seminario Menor de Belvis, cedido para este fin polo arcebispado de Santiago, onde se dá albergue a persoas sen fogar que permanecerán nestas instalacións ata que finalice a alarma sanitaria polo coronavirus.

Os técnicos de Cáritas coordinan os traballos diarios e as atencións que se prestan a estas persoas a través dun equipo formado por psicóloga, dúas educadoras sociais, psicopedagogo e pedagoga. Un traballo que está relacionado cos aspectos psicolóxicos e de convivencia das persoas que residen neste centro de emerxencia.

Cóntase con servizo externo de lavandería    para a roupa deste colectivo que reside no Seminario Menor de Belvis. A estas persoas Cáritas facilítalles roupa de todo tipo para utilizar durante o tempo de confinamento.

O Seminario Menor de Belvis alberga ata o momento a trece persoas seus controis sanitarios realiza a Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias (UMAD). As persoas residentes dispoñen de habitacións, un patio interior, salas de televisión e un comedor

Pola súa banda o Centro Vieiro de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela permanecerá aberto para atender as emerxencias das persoas que acudan ás súas dependencias.

Versión en castelán