Carta de mons. Barrio na Festa da Virxe do Carme, cunha emocionada lembranza aos falecidos no mar

  • O arcebispo anima as súas familias e pide recoñecer o esforzo das xentes do mar “na construción da sociedade”

Cunha emocionada lembranza aos mariñeiros vítimas de sinistros na mar, o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, dirixe unha Carta Pastoral á gran familia mariñeira con ocasión da Festa da Virxe do Carme. “Fágovos chegar a todos, especialmente á familia do mar, a miña mensaxe de proximidade  e comuñón”, asegura monseñor Barrio. O arcebispo refírese aos “diocesanos que, ao longo deste último ano, perderon as súas vidas nos traballos do mar: os tres falecidos no Sen Querer 2 de Cambados: Manuel Serén, Bernardino Padín e Teófilo Rodríguez, así como ao desaparecido no dito naufraxio: Guillermo Casais; igualmente lembra o falecido en Malpica, José Ángel Silvosa, mariñeiro do A Silvosa.

Na carta, monseñor Barrio diríxese ás familias dos falecidos, “que sofren a súa ausencia”, ás que anima “a non decaer na fe e a buscar o consolo no Señor, que nunca nos abandona, e na comunidade cristiá, que coa súa proximidade e oración sabe enxugar as bágoas dos que sofren. Ao lembrar a estes irmáns nosos e a tantos outros que, vivindo en condicións non exentas de risco, traballan polo ben da nosa sociedade, na pesca, no transporte marítimo ou nas distintas misións da Armada, debemos recoñecer o seu esforzo na construción da sociedade, e como cristiáns estimalos como irmáns queridos e comprender as súas dificultades”.

“Queridas xentes do mar”, continúa o arcebispo, “o lema que a Igrexa nos ofrece este ano para a festa do Carme, é todo un signo de confianza, de ánimo e de esperanza no Señor: “Confía, mariñeiro, dálle a El o teu temón”. É un berro fraterno, para que cada un de nós, tamén os homes e mulleres do mar, abramos o noso corazón a Cristo e deixémolo dirixir as nosas vidas”.

O arcebispo afirma ser “consciente das moitas dificultades que as persoas que traballan no mar afrontan para procurar aos seus un futuro mellor, contribuíndo así, igualmente, ao progreso da sociedade”. E sinala que hai “dificultades de toda índole, non sendo as menores as de orde persoal e familiar: as longas ausencias, a soidade, o non poder compartir acontecementos importantes cos membros da familia para celebrar o seu gozo ou para confortalos nos momentos de dor, tamén o cansazo, as esgotadoras xornadas laborais e a falta de tempos axeitados para descansar en porto, xa que os avances tecnolóxicos reduciron significativamente o tempo de atracada nos portos, dificultando así mesmo o labor dos voluntarios que ofrecen asesoramento laboral ou espiritual”.

A carta finaliza pedindo “que a Virxe do Carme vos ampare nas vosas singraduras e o voso traballo, e protexa as vosas familias, ofrézovos as miñas oracións e bendígovos de todo corazón”.

Versión en castelán