Carta Pastoral aos laicos diocesanos

Pascua de Resurrección 2020

Queridos diocesanos:

Ao longo destes días no medio da incerteza que seguimos vivindo por causa da pandemia do coronavirus, mantivémonos unidos na oración, pensando en tantas familias afectadas polo sufrimento e encomendando a quen o Señor chamou á súa presenza no medio de non pouca dor, sen poder despedilos como sentiamos a necesidade de facelo. Teño o convencemento de que o apóstolo Santiago, amigo do Señor, os acompañou ao Pórtico definitivo da Gloria. Así o pedín.

Non son momentos fáciles os que se nos aveciñan tamén desde o punto de vista económico. Xa están a chamar ás portas familias e persoas que se senten angustiadas economicamente. A crise estamos a percibila. Ante isto non podemos menos de lembrar a pasaxe referente á primitiva comunidade cristiá no que se nos di que as persoas estaban atendidas e “repartíanse os bens entre todos segundo a necesidade de cada un” (Feit 2,42-47). Vemos xa que as nosas Cáritas están excedidas polas moitas persoas que han de ser atendidas. Por outra banda, os ingresos nas parroquias nesta tempada non é que descendesen, senón que non os houbo, tendo que afrontar os gastos ordinarios do seu funcionamento. Son momentos nos que debe prevalecer a xenerosidade, asumindo a corresponsabilidade no sostemento da Igrexa e na solidariedade cos pobres de preto e de lonxe. Mirar aos demais cos ollos do corazón é tratar de que ninguén quede atrás. Neste sentido fágovos unha chamada a todos os diocesanos, tamén ás persoas de boa vontade, pedíndovos a vosa colaboración económica na forma en que creades máis oportuna e poidades facelo, e marcando a X na declaración da Renda. O modo desa posible achega podería ser a través da parroquia ou da Administración diocesana en nº de conta: ES25 2080  5155 9730 4006 2341 de ABANCA, ou no portal www.donoamiiglesia.es tratando de aliviar as consecuencias xeradas pola pandemia. Esta é a miña proposta e petición que deixo á vosa xenerosa consideración.

Deséxovos un gozoso tempo pascual pois “nada nos poderá separar do amor de Deus”, saudándovos con afecto e bendicíndovos no Señor.

+Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela

Versión en castelán