Carta Pastoral no Advento 2017

“E na terra Paz aos homes…” (Lc 2,14)

 Queridos diocesanos:

O Advento é tempo litúrxico para prepararnos á conmemoración da vinda do Fillo de Deus ao mundo. Os Santos Padres consideran que o Advento celebra unha tripla vinda do Señor: a histórica, cando asumiu a nosa mesma carne para facer presente a Boa Noticia do amor de Deus; a que se realiza espiritualmente agora, cada día, polo ministerio da Igrexa a través dos sacramentos, de maneira especial na Eucaristía; e a vinda definitiva, ao final dos tempos, cando chegará a plenitude o Reino de Deus na vida eterna. Por iso fáisenos unha chamada á vixilancia en esperanza, limpando o noso corazón para acoller con alegría ao Señor como Xoán Bautista, María e Xosé. Comenta santo Agostiño: “Non poñamos resistencia á súa primeira vinda, e non temeremos a segunda”.

Recristianizar ou redescubrir o Nadal?

O acontecemento que celebramos no Nadal non é un máis na historia da humanidade. A súa mensaxe ha de ser acollida e conservada no noso corazón, sabendo que a luz de Belén ilumina a todo o que vén a este mundo. Chegadas estas datas, ano tras ano, oímos con frecuencia que o Nadal se está descristianizando coma se isto supuxese un pretexto para desentendernos do compromiso que comporta. É verdade que a simboloxía relixiosa nas nosas rúas xa non é a doutros tempos, e mesmo nalgúns lugares preténdese que desapareza, e que o consumismo co que queremos beber os grolos dunha felicidade cegadora que non satisfai a inquietude do noso corazón, desorbítase. Enchémonos de cousas e baleirámonos de humanidade. Os “adornos” do Nadal son a graza de Deus e a ledicia na esperanza cristiá. É posible que teñamos que redescubrir o fondo sentido do Nadal que nos indica que o Misterio descoñecido se fixo presenza familiar na plenitude dos tempos. Non podemos entender a humanidade que latexa dentro de nós mesmos, se non contemplamos ao Verbo de Deus feito carne. “Só o divino pode “salvar” o home, é dicir, as dimensións verdadeiras e esenciais da figura humana e do seu destino” (L. Giussani). Deus por amor envía o seu Fillo para salvarnos e para indicarnos que temos que actuar sempre con amor en relación aos demais, sobre todo aos pobres, aos débiles e aos pequenos. Deus faise home para que o home viva gozosamente a filiación adoptiva nel e a fraternidade cos demais, sen complexos nin beatería, senón con valentía e serenidade. Que Deus veña ocupar un lugar nas nosas historias, pobres e sinxelas, é a proba de que se interesa por nós, chamándonos polo noso nome. Seguro que na escuridade do noso interior se acende unha luz na noite de Nadal.

Entrar na corte da pousada de Belén

Anímovos a entrar na cova de Belén e lembrar a mensaxe do anxo aos pastores: “Non vos asustedes, que vos veño anunciar unha boa nova: vai haber unha gran ledicia para todo o pobo. Hoxe na vila de David naceuvos un Salvador, o Mesías, Señor” (Lc 2,10-11), mentres unha lexión do exército celestial loa a Deus cantando: “Gloria a Deus no ceo e na terra Paz aos homes que gozan do seu amor” (Lc 2,14). Sentirnos amados por Deus axudará a buscar a súa vontade e comprometernos a cumprila en toda circunstancia. Esta actitude dános esa paz interior coa que contribuiremos a construír a paz exterior. “O Nacemento do Señor, di san León Magno,  é o nacemento da paz”[1]. Xa o profeta Isaías profetizara: “Coas espadas forxarán arados, coas lanzas, podadeiras. Non levantará un pobo contra outro a espada, nin aprenderán de novo a facer a guerra” (Is 2,4); ” o lobo habitará co carneiro e o leopardo deitarase co cabrito; o becerro e o leonciño pacerán xuntos; un meniño pequeno sacaraos ao pasto ” (Is 11,6). A paz non é un anuncio de Nadal, nin un só desexo ou saúdo. A paz é don de Deus en Cristo que “veu e anunciou a paz: paz para vós -os de lonxe-, e paz para os que estaban cerca” (Ef 2,17) e a traernos a paz: “Déixovos a miña paz, douvos a miña paz” (Xn 14,27). O contido da redención estaba dentro desta palabra. “Xustificados, escribe san Paulo, logo, pola fe, estamos en paz con Deus, por medio do noso Señor Xesús Cristo. Por El temos entrada a esta graza na que nos mantemos; e estamos orgullosos coa esperanza de lograr a gloria de Deus” (Rom 5, 1-2). Reconciliémonos con Deus! Da paz con Deus despréndese a paz consigo mesmo e cos demais, tan necesaria cando abundan os momentos de desencontro e discordia no ámbito relixioso, familiar, laboral e social.

Deus fíxose próximo

O Señor está preto dos que o invocan sinceramente, é dicir, dos que acoden a el con fe recta, esperanza firme e caridade perfecta. A nosa alegría segundo Deus agroma do cumprimento dos seus mandatos. Teñamos moi presentes os pobres. O Papa repítenos que quere unha Igrexa pobre e para os pobres. Moitas persoas necesitan de nós. Con todas elas temos que vivir o Nadal, axudándoas coa nosa colaboración económica e levándolles a Luz que brillou en Belén. Sempre é Nadal! Bo Nadal!

Saúdavos con afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

[1] SAN LEÓN MAGNO, In Nativitate Domini, Sermón XXXVI, 5.

Versión en castelán