Carta Pastoral con motivo da Infancia Misioneira 2019

“Con Xesús a Belén. Que boa noticia!”

Queridos nenos e nenas:

Convídasenos a todos a acoller a boa noticia de Xesús no noso corazón e compartila cos demais. E a boa noticia é: “Tanto amou Deus ao mundo que nos enviou o seu Fillo para salvarnos”. Xesús é o gran misioneiro que nos comunica que Deus Pai nos ama. E isto é o noso compromiso: ser misioneiros do amor de Deus, proclamando que nos ama persoalmente a cada un. Como necesitamos sentirnos amados por Deus Pai como se sentiu Xesús que nos di: “Como me amou o Pai, así vos amei eu: e por tanto debedes amarvos os uns aos outros”! Imaxinádesvos como cambiaría todo se actuásemos así!

Xornada Mundial da Infancia Misioneira

O día 27 de xaneiro a Igrexa preséntanos a Xornada da Infancia Misioneira co lema: “Con Xesús a Belén. Que boa noticia!”, convidándonos a ir a Belén para ver a Xesús, escoitalo e acoller a súa mensaxe que cambia as nosas vidas. El envíanos a ser os seus misioneiros. Pero só poderemos falar del se de verdade está en nós. É bo lembrar que desde que fomos bautizados somos misioneiros. Así temos que ir crecendo no amor ao próximo, na xenerosidade e na entrega da nosa vida. Vivir preto de Xesús sempre nos motiva a vivir preto dos demais.

Chegar ata Belén é tomar conciencia do itinerario misioneiro da Virxe María. Desde que o anxo lle anunciou que sería a Nai do Fillo de Deus, e ela dixo que Si ao plan de Deus, tamén se convertía en misioneira, pois ser misioneiro non é outra cousa que ser altofalante da boa noticia de Xesús que como enviado do Pai nos trae a salvación. El vivirá no seo da Virxe María o encontro con Xoán o Bautista que saltou de gozo no seo da súa nai Sabela. De Nazaré terá que ir a Belén porque Xosé e María tiñan que empadroarse, onde nacerá nun alpendre porque non houbo para eles un lugar na pousada. En Belén contemplamos a Xesús “envolto nuns capizos”. Os pastores que van velo, sinálannos o itinerario cara á fe, necesaria para a misión: “Vaiamos a Belén ver o que sucedeu e que o Señor nos manifestou” (Lc 2,15). Isto tradúcese en xestos concretos. “Foron a correr e atoparon a María e mais a Xosé, e a criatura deitada nunha manxadoira. Ao que o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño, deixando pasmados a cantos escoitaban o que tal dicían os pastores” (Lc 2, 16-18). Atoparon o Neno non só cos ollos do corpo senón tamén cos ollos da mente. É dicir, creron despois de velo. Así comezou a propagarse a fe. Dos crentes nacen novos crentes. Dos nenos e nenas crentes nacen novos nenos e nenas crentes. Sodes os pequenos misioneiros que imitando a Xesús comunicades que Deus nos ama, unha noticia que ten que chegar ata o confín da terra. Esta é a misión que se vos confía e que comporta coñecer a Xesús, estar con el e mostrar a vosa dispoñibilidade para ser os seus misioneiros.

Xornada da Infancia Misioneira

 O Papa lembra que “a Xornada da Infancia Misioneira é a festa dos nenos que viven con ledicia o don da fe e rezan para que a luz de Xesús chegue a todos os nenos do mundo”. Son moitos os nenos que están a necesitar da vosa oración e da vosa axuda económica. Grazas a isto moitos nenos que non coñecen a Xesús, non teñen escolas, están sometidos a traballos inhumanos e se senten esquecidos e marxinados, poderán vivir doutra maneira, tendo unha vida semellante á vosa. Eles esperan a vosa resposta. Agradézovolo tamén no seu nome. Rezo por vós e pido que o Neno Deus vos bendiga a vós, ás vosas familias e á nosa Diocese.

Co meu afectuoso saúdo e bendición,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

Versión en castelán