Carta Pastoral de mons. Barrio na Coresma do 2019

“Buscade o Señor e revivirá o voso corazón” (Ps 68, 33)

Queridos diocesanos:

A Coresma é unha oportunidade de graza que se nos concede para ir avanzando nese proceso de configurarnos con Cristo. Como nos di o papa Francisco na súa Mensaxe e lemos no Prefacio da primeira semana de Coresma: “Deus concede aos seus fillos arelar, co gozo de ternos purificado, a solemnidade da Pascua, para que pola celebración dos Misterios que nos deron nova vida, cheguemos a ser con plenitude fillos de Deus”. De maneira especial temos que considerarnos pobres ante Deus, lembrando aquela oración de san Tomé de Aquino: “Deus Todopoderoso e eterno, velaquí que veño ao sacramento do teu Fillo único, O noso Señor Xesucristo. Veño como un enfermo ao médico da vida, como un impuro á fonte da misericordia, como un cego á luz da claridade eterna, como un pobre e desposuído ao Dono do ceo e da terra. Imploro pois a abundancia da túa inmensa liberalidad a fin de que te dignes curar a miña enfermidade, purificar a miña sucidade, iluminar a miña cegueira, enriquecer a miña pobreza, vestir a miña nudez”. É a pregaria de quen se sente pobre e que sabe que só pode facer aquilo que se lle conceda.

Chamada á conversión

“Mirádeo, os humildes, e alegrádevos, buscade o Señor e revivirá o voso corazón” (Ps 68, 33). Neste convencemento sabemos que a chamada á conversión é un don da misericordia de Deus que hai que agradecer no noso itinerario á santidade, convencidos de que “se o home vive como fillo de Deus, se vive como persoa redimida, que se deixa levar polo Espírito Santo, e sabe recoñecer e poñer en práctica a lei de Deus, comezando pola que está inscrita no seu corazón e na natureza, beneficia tamén á creación, cooperando na súa redención… Con todo a harmonía xerada pola redención está ameazada, hoxe e sempre, pola forza negativa do pecado e da morte”[1]. O pecado lévanos a ese afán de dominio e de posesión créndonos donos e señores cando só se nos encomendou a misión de ser administradores da realidade creada. Rompe a comuñón con Deus, co home e coa natureza que de ser un xardín se transforma nun deserto. A conversión ha de levarnos a arrepentirnos e a pedir perdón como realidades liberadoras, sabendo que Deus nos ama como somos, pero quérenos distintos e mellor de como somos.

Xaxún, oración e esmola

A Igrexa neste tempo de Coresma chámanos de maneira especial á oración, ao xaxún e á esmola. “Xaxuar, ou sexa aprender a cambiar a nosa actitude cos demais e coas criaturas: da tentación para devoralo todo, para saciar a nosa avidez, á capacidade de sufrir por amor, que pode ateigar o baleiro do noso corazón. Orar para saber renunciar á idolatría e á autosuficiencia do noso eu, e declararnos necesitados do Señor e da súa misericordia. Dar esmola para saír da necidade de vivir  e acumulalo todo para nós mesmos, crendo que así nos aseguramos un futuro que non nos pertence”[2]. O proxecto de Deus sobre nós é amalo con todo o noso corazón e coa nosa alma, e ao próximo como a nós mesmos, atopando aí a ledicia da nosa felicidade. “Se escoitades hoxe a súa voz, non endurezades os vosos corazóns” (Heb 3,7-8). A dureza do corazón non deixa ver e comprender a revelación que Xesús nos trae, e impide acoller a vida nova que ofrece.

24 Horas para o Señor

Neste camiño coresmal non esquezamos a celebración das 24 horas para o Señor, que terá lugar o venres 8 e o sábado 9 de marzo. Na adoración eucarística atopamos tamén o clima propicio para celebrar o sacramento da Reconciliación cuxa experiencia nos leva a ser misericordiosos cos demais. Rogo que nas parroquias e nas comunidades relixiosas se programen momentos de adoración ao Santísimo, lectura da Palabra de Deus e celebracións penitenciais no contexto desta celebración.

Feliz camiño cara á Pascua! Saúdavos con afecto e bendí no Señor.

 + Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

[1] FRANCISCO, Mensaxe para a Coresma de 2019, 1.

[2] Ibid., 3.

Versión en castelán