Carta Pastoral do arcebispo convidando aos diocesanos a colaborar coa misión e actividades eclesiais

6 de abril de 2018

Queridos diocesanos:

Iniciada xa a campaña do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, permitídeme lembrarvos que como contribuíntes, á hora de facer a Declaración da Renda correspondente ao ano 2017, tedes a posibilidade de dedicar o 0,7 por cento dos vosos impostos ao sostemento da Igrexa católica. Os ingresos económicos que poida ter a Igrexa, dependerán do número de contribuíntes que opten por asignarlle esa porcentaxe dos seus impostos. Detrás de cada X, dinos o lema deste ano, está a preocupación por conseguir un mundo mellor, no que as persoas consigan irse realizando integralmente. Poñer a X expresa dunha forma clara o gran labor de moitos que dedican xenerosamente a súa vida aos demais.

Anímovos a marcar a casa da Igrexa católica ao facer a Declaración da Renda, manifestando desta forma o voso compromiso coa misión e as actividades eclesiais. Isto non leva que paguedes máis nin recibades menos se a vosa Declaración da Renda resulta negativa. A ninguén se lle oculta o labor asistencial da Igrexa, sen esquecer a preocupación pastoral. Parroquias, hospitais, garderías, orfanatos, centros de acollida da Igrexa… son outras tantas institucións postas ao servizo das persoas necesitadas materialmente e espiritualmente. Tamén os nosos orzamentos diocesanos han tido en conta esta realidade.

Os ingresos obtidos a través da asignación do 0,7 % dan resposta máis ou menos ao 30% das necesidades da Igrexa, recibindo o demais das achegas voluntarias dos católicos e de persoas de boa vontade que saben da actividade benéfica eclesial. O noso recoñecemento a tantas persoas que cun labor discreto e moitas veces ignorada, constrúen o ben común da sociedade.

Agradézovos que marquedes a casa da Igrexa católica para seguir contribuíndo a un mundo mellor. A casa a favor da Igrexa e a doutros Fins de Interese Social son perfectamente compatibles, podéndose marcar as dúas.

Saúdavos con afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,

Arcebispo de Santiago de Compostela

Versión en castelán