Carta Pastoral no Día del Enfermo 2018

Carta Pastoral no Día do Enfermo 2018

Muller, velaí o teu Fillo…”

Queridos diocesanos:

O Día do Enfermo sempre é para a nosa comunidade diocesana unha chamada especial ás portas do noso corazón. É verdade que calquera xornada é ocasión providencial para estar próximos ao enfermos pero neste Día convídasenos a facer unha reflexión especial que alente a nosa alma no coidado dos enfermos. Di o papa Francisco: “Ninguén pode tocar a cruz de Xesús sen deixar nela algo de si mesmo, e sen levar algo da cruz de Jesús á súa propia vida”. Parafraseando podemos dicir que ninguén pode tocar a un enfermo sen deixar algo de si mesmo nel e sen levar algo del á súa propia vida.

Quen máis quen menos tivemos a experiencia da enfermidade inherente á fraxilidade da nosa condición humana. Sen dúbida nesta circunstancia dámonos conta de que necesitamos dos demais e do moito que habemos de agradecer ás persoas que nos acompañan. Esta percepción lévanos a humanizar a nosa vida e a nosa convivencia.

O lema da Xornada este ano fixa a nosa atención contemplando a Cristo na Cruz, estando xunto a el a súa Nai e o discípulo Xoán. Na súa mensaxe o Papa lémbranos que “a Igrexa debe servir sempre aos enfermos e aos que coidan deles con renovado vigor, en fidelidade ao mandato do Señor”, referíndose ás palabras de Xesús na cruz. Nestas palabras o misterio da cruz reflicte unha luz especial, a través da cal Xesús “mostra a súa gloria e deixa as súas últimas vontades de amor, que se converten nas regras constitutivas da comunidade cristiá e da vida de todo discípulo”.

Noutra ocasión xa vos comentei que o sufrimento, a dor, a enfermidade non deben paralizarnos á hora de dar razón da nosa esperanza. Así o comprobamos en María que asume a súa preocupación pola Igrexa no momento crítico do sufrimento xunto á cruz do seu Fillo aceptando o compromiso de coidar aos fillos que están representados en Xoán. O Papa subliña na súa mensaxe que “a caridade dos cristiáns hase de dirixir a todos os necesitados, simplemente porque son persoas, fillos de Deus”. Cantas iniciativas da Igrexa en favor dos enfermos á longo de toda a súa historia! “A imaxe da Igrexa como un ‘hospital de campaña’, que acolle a todos os feridos pola vida, é unha realidade moi concreta, porque nalgunhas partes do mundo, só os hospitais dos misioneiros e as dioceses brindan a atención necesaria á poboación”.

No Calvario a María dóelle a dor do seu Fillo, dóelle a nosa dor, o sufrimento espiritual e físico de todos. Significouse alí que canto máis intimamente se participa na paixón e morte de Cristo, máis plenamente tense parte tamén na súa glorificación. Por iso, ante o sufrimento, a enfermidade, a dor ou a morte, o discípulo de Cristo non ha de desesperarse. O sufrimento non ten a última palabra.

Neste mundo convídasenos a vivir desde a humildade de Cristo que veu “entregar a súa vida en rescate por moitos” (Mt 20,28), preocupándonos dos necesitados e non sendo meros espectadores de persoas vítimas de calquera tipo de sufrimento. “Abramos os nosos ollos para mirar as miserias do mundo, as feridas de tantos irmáns e irmás privados da dignidade, e sintámonos provocados a escoitar o seu berro de auxilio”1. O coidado da saúde non debe mediatizarse polo que o Papa chama o risco do ‘empresarialismo’, “que en todo o mundo intenta que a atención médica caia no ámbito do mercado e termine descartando aos pobres”.

Tamén na nosa Diocese “a pastoral da saúde segue a ser, e sempre será, unha misión necesaria e esencial que hai que vivir con renovado ímpeto tanto nas comunidades parroquiais como nos centros de atención máis excelentes”. Quero agradecer os desvelos e coidados das familias que con tanto agarimo e proximidade atenden aos enfermos como María sostendo o sufrimento do seu Fillo. Canta xenerosidade, dedicación e dispoñibilidade por parte da familia no coidado dos nenos, novos e maiores enfermos en circunstancias ás veces difíciles! Fun testemuña desta experiencia nos hospitais, nas residencias e nas casas particulares. A familia acompaña aos enfermos, pero necesita ser tamén acompañada. A Igrexa sae ao seu encontro.

Queridos enfermos e enfermas, téñovos moi presentes na miña oración coa intercesión da Virxe María, saúde dos enfermos. Saúdavos con todo afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,

Arcebispo de Santiago de Compostela.

1 FRANCISCO, Misericordia vultus, 15.

Versión en castelán