Carta Pastoral no Día do Papa. Xornada pola Caridade do Papa

Queridos diocesanos:

A solemnidade dos apóstolos san Pedro e san Paulo lémbranos cada ano a Xornada pola Caridade do Papa. Como en anos anteriores, unímonos ao Papa no exercicio do seu ministerio coa nosa oración e, á vez, coa nosa achega económica. O Papa cos seus xestos e as súas palabras non deixa indiferente a ninguén, saíndo sempre ao encontro dos demais, sobre todo dos máis necesitados, e respondendo as preguntas que lle fan.

En todas as parroquias, nas misas do domingo, día 25, farase a colecta do Óbolo de San Pedro que o Papa dedica a obras de caridade. A este fondo chegan tamén as achegas procedentes dos Institutos de Vida Consagrada e das sociedades de Vida Apostólica, así como as dos donativos de fieis particulares. Entre as moitas obras apoiadas pola caridade do Papa neste tempo podemos lembrar, entre outras, as axudas ás vítimas de guerras e catástrofes naturais, a refuxiados e a emigrantes, ás estruturas dalgunhas comunidades católicas e aos centros sanitarios en países pobres. O Esmoleiro do Papa realiza esta misión.

A caridade, manifestada co Sucesor de Pedro, expandirase cara ao mundo como froito e memoria viva da comuñón cristiá. Estou seguro da vosa xenerosidade segundo as vosas posibilidades económicas. A Diocese enviará ao Papa esta colecta que a través del chegará a moitas persoas, reflectíndose esa proxección universal que ten a acción da Igrexa. Poñámonos ao servizo de Cristo que, sendo rico, fíxose pobre, a fin  de enriquecernos a nós (cf. Flp 2,6-8).

Saúdavos con afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

Versión en castelán