Carta Pastoral no Día do Seminario. Marzo 2018

Apóstolos para os mozos

Queridos diocesanos:

O Día do Seminario motívanos a mirar os nosos seminarios, maior e menor, institucións diocesanas cuxa finalidade é acompañar e preparar os mozos que sentiron a chamada do Señor para o ministerio sacerdotal. Non poden ser algo alleo ao dinamismo vital da Diocese e todos os diocesanos temos que sentirnos implicados nesta realidade.

Igrexa apostólica

Este ano o lema da Xornada proposto á nosa reflexión é: “Apóstolos para os mozos”. Vivimos e cremos na Igrexa fundada nos Apóstolos, testemuñas oculares de Cristo, asumindo o estilo de vida da Igrexa apostólica significado pola escoita da Palabra, os sacramentos, a comuñón, a misión… Na Igrexa o Papa e os Bispos son de forma específica sucesores dos apóstolos, e por tanto última instancia para o discernimento da apostolicidade e conseguintemente da autenticidade eclesial. Así “os presbíteros xunto cos bispos participan do único e mesmo sacerdocio e ministerio de Cristo, de maneira que a unidade mesma de consagración e misión esixe a súa comuñón xerárquica  coa orde episcopal… Os bispos téñenos como colaboradores e conselleiros necesarios no ministerio e función de ensinar, santificar e apacentar o Pobo de Deus” (PO 7).

Sacerdotes para os mozos

Neste sentido os sacerdotes son considerados como “apóstolos para os mozos”. Ben está lembrar que o apóstolo é antes discípulo, condición esta que xamais debe perder. Entrar a formar parte do discipulado determínao non o voluntarismo humano senón o chamamento de Cristo. “Xesús subiu ao monte, chamou os que quixo e fóronse con el” (Mc 3,13). E estes son chamados desde as diferentes circunstancias en que se atopan. É curioso porque no momento da chamada non din unha palabra. Simplemente seguen o Señor, “sorprendidos e con temor” (Mc 10, 24.26.32). O carácter permanente do discípulo é o seguimento: ir detrás de Xesús, ir con el, seguilo. Aquí atopan eco aquelas palabras de Xesús: “Se algún quere vir en pos de min, que se negue a si mesmo, tome a súa cruz e sígame” (Mc 8,34). Non se pode esquecer que confesar a Cristo é arriscar a vida e que o seu seguimento leva sufrimento e glorificación: “O que queira servirme, que me siga, e onde estea eu, alí estará o meu servidor; a quen me sirva, o Pai honrarao” (Xn 12,26).

Esta ensinanza de Xesús esixe aos apóstolos conformar a súa vida con el, perdoando como el perdoou, mostrándose sinceros e humildes, non buscando a propia gloria ou o propio interese, desposuíndose de si mesmos coma el “que se desposuíu de si mesmo, tomando a condición de escravo, feito semellante aos homes. E así, recoñecido  como home pola súa presenza, humillouse a si mesmo, feito obediente ata a morte, e unha morte de cruz” (Fil 2,7-8). O apóstolo ha de administrar ben o que recibiu, sendo virtude esencial a fidelidade.  A mundanidad e a infidelidade dificultan a transmisión da mensaxe da fe. Na humildade percibimos que levamos este tesouro en vasillas de barro “para que se vexa que unha forza tan extraordinaria é de Deus e non provén de nós” (2Cor 4,7). Os apóstolos están no mundo pero non son do mundo (cf. Rom 1,1ss). Isto reflícteo san Paulo cando escribe: “Atribulados en todo, pero non esmagados: apurados, máis non desesperados; perseguidos, pero non abandonados; derrubados, máis non aniquilados, levando sempre e en todas partes no corpo a morte de Xesús, para que tamén a vida de Xesús se manifeste no noso corpo” (2Cor 4,8-10).

O apóstolo para os mozos

Normalmente preguntámoslles ao mozos pero é necesario deixarnos preguntar por eles á hora de acompañalos e coidalos mediante a Palabra de Deus e a celebración dos sacramentos. Escoitalos e coñecer as súas aspiracións e inquietudes é imprescindible para servilos. Non son poucos os prexuízos que teñen cara á Igrexa aínda que manifestan que a desexan fiel a Cristo e ao evanxeo e queren pastores que dean a coñecer a Deus próximo, que deixen ver o rostro materno e misericordioso da Igrexa e que sexan comprensivos e alegres. Permitídeme que rompa unha lanza en favor das vocacións novas ao sacerdocio. Non desanimemos a estes cando o Señor os chama. Camiñar xunto a Xesús é a mellor escola de vida. Cantas vocacións quedaron en nada porque non tivemos a valentía de acompañalas no seu momento!

 Exhortación final

Queridos diocesanos, queridos mozos, tampouco vós teñades medo de achegarvos aos vosos sacerdotes. Anímovos a pedir polas vocacións ao ministerio sacerdotal e a axudar economicamente os nosos Seminarios Maior e Menor, colaborando tamén deste xeito á mellor formación humana, intelectual, espiritual, comunitaria e pastoral dos nosos seminaristas, a quen poño baixo  o patrocinio do Apóstolo Santiago, de San Xosé e de María, Raíña dos Apóstolos.

Saúdavos con todo afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

Versión en castelán