Carta Pastoral no Día da Acción Católica e Apostolado Segrar 2019

“Un laicado en misión… Preparando o Congreso Nacional de Laicos”

Queridos diocesanos:

A Xornada do Apostolado Segrar é unha ocasión providencial para animar o quefacer evanxelizador dos laicos na nosa Igrexa diocesana, asumindo a misión que o Señor vos confiou. O Plan Pastoral actual da Conferencia Episcopal Española co título: Igrexa en misión ao servizo do noso pobo, inspírase na chamada á conversión misioneira que o papa Francisco facía: “Cada Igrexa particular, porción da Igrexa católica baixo a guía do seu bispo, tamén está chamada á conversión misioneira… En orde a que este impulso misioneiro sexa cada vez máis intenso, xeneroso e fecundo, exhorta tamén a cada Igrexa particular a entrar nun proceso decidido de discernimento, purificación e reforma” (EG 30). Xa o Concilio Vaticano II nos deixaba esta fermosa reflexión: “O apostolado dos laicos é a participación na mesma misión salvífica da Igrexa… Así, pois, todo laico, polos mesmos dons que lle foron conferidos, convértese en testemuña e instrumento vivo á vez, da misión da mesma Igrexa na medida do don de Cristo (Ef 4,7)” (LG 33).

 

O laicado diocesano.

Mirar ao Pobo de Deus, é lembrar que todos ingresamos á Igrexa como laicos. O primeiro sacramento, o que sela para sempre a nosa identidade e do que teriamos que estar sempre orgullosos é o bautismo… A nosa primeira e fundamental consagración afunde as súas raíces no noso bautismo. A ninguén bautizaron cura, nin bispo. Bautizáronnos laicos e é o signo indeleble que nunca ninguén poderá eliminar. Fainos ben lembrar que a Igrexa non é unha elite de sacerdotes, dos consagrados, dos bispos, senón que todos formamos o santo Pobo fiel de Deus[1]. Desde esta conciencia percibimos na vida diocesana que non poucas persoas bautizadas viven a fe con coherencia, sinceridade e fidelidade ao Señor, vana purificando, dan testemuño dela na súa familia e na súa contorna, lonxe de rutinas insípidas, e dedican unha parte do seu tempo para traballar polo ben e o servizo á comunidade cristiá. Preocúpame tamén a actitude dos que non celebran a súa fe e vanse distanciando silandeiramente das prácticas relixiosas. Sabemos que a fe non se herda. É un don de Deus que temos que acoller e facer frutificar. Non somos cristiáns por nacemento. É necesario axudar a espertar a fe en quen parece que está durmida.

A que nos chama o Espírito Santo hoxe?

O Papa Francisco anímanos na Exhortación Apostólica Evangelii Gaudium, a vivir a alegría da fe e a facer desta a razón da nosa plenitude vital. “Convido a cada cristián, escribe o Papa, en calquera lugar e situación en que se atope, a renovar agora mesmo o seu encontro persoal con Xesús Cristo ou, polo menos, a tomar a decisión de deixarse atopar por El, de intentalo cada día sen descanso. Non hai razón para que alguén pense que esta invitación non é para el, porque ninguén queda excluído da alegría reportada polo Señor. Dános confianza o saber que o Señor fai o camiño connosco xa que a obra é ante todo del, máis aló do que poidamos descubrir e entender. Xesús é o primeiro e o máis grande evanxelizador. En calquera forma de evanxelización o primado é sempre de Deus, que quixo chamarnos a colaborar con El e impulsarnos coa forza do seu Espírito”.

A tarefa evanxelizadora é un desafío con non poucas esixencias pero gratificante. A Palabra de Deus ilumínanos para saír de camiños xa trillados e descubrir na vida o misterio da dor e a forza vital da resurrección. A nosa Igrexa diocesana é testemuña de que milleiros e milleiros de peregrinos de toda idade e condición, deixando atrás a rutina que asfixia a alma, fanse peregrinos para compartir a súa fe e as súas esperanzas máis profundas. Non confundamos a vida cristiá coas técnicas que poidamos empregar. Os eixos da mesma son a Eucaristía, o coñecer a Cristo, a opción preferente polos pobres, o compartir a propia existencia cos demais, e a acción misioneira. Hai que volver ao feito cristián fundamental, identificándonos coa persoa e a historia de Xesús. A Igrexa debe estar atenta a canto se move na sociedade civil para ofrecerlle a súa proposta. O cristianismo debe entrar en diálogo con quen espera. Os laicos na nova etapa da Igrexa deben dialogar a través do seu testemuño, con este mundo sempre en procura e inquieto.

“Facede o que El vos diga”.

Tamén María dinos a nós, servidores da alegría do evanxeo, viño novo das vodas de Cristo coa súa Igrexa, o que lles dixo aos servidores do que ía ser o viño bo en Caná. Poñamos ante o señor os cántaros da auga das nosas inquietudes, sabedores de que é el quen fará das nosas realidades precarias e débiles esperanzas o milagre da alegría en plenitude. A nosa achega é necesaria. É frecuente nos ambientes eclesiais pronunciamentos clarividentes sobre o que hai que facer pero esperando sempre que sexan outros os que carguen cos cántaros cheos de auga. Conscientes desta esterilizante inhibición, pídovos que vos decidades a poñer suxeito activo a esas frases impersoais, pois a todos se nos confía o anuncio do evanxeo e o testemuño da nosa fe. Este chamamento á implicación parroquial vai dirixido a todos pero especialmente aos membros da Acción Católica e de todos os movementos e asociacións apostólicas, dando testemuño de fe, esperanza e caridade.

O gozo pascual motívanos a revisar a vitalidade do noso laicado, o “apostolado segrar”, e desde aí tomarlle o pulso á tarefa evanxelizadora diocesana, preparando tamén desde a nosa Diocese o Congreso nacional de Laicos. En oración con María e o apóstolo Santiago, pedimos que o Señor envíe o seu Espírito Santo sobre nós. Saúdavos e bendí no Señor.

+ Julián Barrio Barrio,

Arcebispo de Santiago de Compostela.

[1] Carta do Papa Francisco ao Cardeal Marc Oullet. 19 de marzo de 2016.

Versión en castelán