Carta pastoral no Día da Igrexa Diocesana 2018

“Somos unha gran familia contigo” 

Queridos diocesanos:

A celebración do día da Igrexa diocesana, o día 11 de novembro, lémbranos que “a diocese é unha parte do pobo de Deus que se confía a un bispo para que a apaciente coa colaboración do seu presbiterio” e que “os laicos deben cultivar sen cesar a conciencia de pertencer á diocese, estando sempre dispostos a achegar a súa contribución aos proxectos diocesanos, seguindo a invitación do seu pastor”.

Este ano tratamos de comprender esta realidade desde este lema “Somos unha gran familia contigo”. A diocese debe verse e sentirse como unha gran familia na que ninguén sobra e todos somos necesarios, vivindo como comunidade de fe, esperanza e caridade. Así o percibimos tamén no Sínodo diocesano celebrado recentemente no que compartimos inquietudes e iniciativas e asumimos compromisos para revitalizar esta familia que formamos. Nada que afecte a un membro da diocese, aos demais pode ser alleo.

A Igrexa é o Corpo místico de Cristo. “Pois o mesmo que o corpo é un e ten moitos membros, e todos os membros do corpo, a pesar de moitos, son un só corpo, así é tamén Cristo” (1Cor 12, 12). A diocese é a gran familia contigo e se ti faltas notámolo. Todos: os sacerdotes, os membros da Vida Consagrada e os laicos, formamos unha gran familia para construír e edificar xuntos o Reino de Deus e traballar polo ben da Diocese, sentíndonos afectados pola dor do que sofre, e alegrándonos con quen é eloxiado. Ninguén pode estar ausente nin ter a sensación de estar abandonado. Moitas veces como escribe o papa Francisco, teremos que “deter o paso, deixar de lado a ansiedade para mirar aos ollos e escoitar, ou renunciar ás urxencias para acompañar ao que quedou na cuneta do camiño”. O espírito da Diocese ha de ser o do pai que ten sempre abertas as portas da casa esperando o retorno do fillo.

Alégrame dirixirme a todos os diocesanos para dicirvos que só podemos formar unha gran familia contigo, conscientes da nosa presenza e pertenza á comunidade diocesana no día a día do noso peregrinar cristián. É motivo de alegría vivir a nosa fe nesta diocese de Santiago de Compostela.    Sen a túa colaboración pastoral e económica a familia diocesana non é o mesmo. Por iso agradézovos a vosa responsabilidade e xenerosidade tantas veces demostradas. Non quedemos mirando o que fixemos, fixar no que podemos seguir facendo. Co patrocinio do apóstolo Santiago o Maior a axuda do Señor non nos vai a faltar.

Co meu afectuoso saúdo e bendición no Señor.

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

Versión en castelán