Carta Pastoral no Día da Vida Consagrada. Febreiro 2019

“Noso Pai. A Vida Consagrada, presenza do amor de Deus”

Queridos Membros de Vida Consagrada:

Diríxome a vós con gozo, dando grazas a Deus pola vosa vocación e o voso carisma cos que estades a servir á Igrexa e á sociedade. Sempre me alegra atoparme convosco alentando a vosa esperanza no peregrinar sosegado unhas veces e outras, inquieto cara á meta da santidade. O papa lémbranos que “a vida cristiá é un combate permanente. Requírense forza e valentía para resistir as tentacións do diaño e anunciar o Evanxeo. Esta loita é moi bela, porque nos permite celebrar cada vez que o Señor vence na nosa vida”[1].

A Xornada da Vida Consagrada, compromiso de todos

Todos os diocesanos estamos chamados de maneira especial nesta Xornada para acompañar os membros da Vida consagrada coa nosa oración, dando grazas a Deus por este don para a vida da Igrexa co que descubrimos día a día a dimensión transcendente a través do seu estilo de vida reflectido nos consellos evanxélicos de obediencia, pobreza e castidade. “A vida consagrada está no corazón mesmo da Igrexa como elemento decisivo para a súa misión, xa que indica a natureza íntima da vocación cristiá e a aspiración de toda a Igrexa Esposa cara á unión co único Esposo”[2]. Sen dúbida, “como expresión da santidade da Igrexa débese recoñecer unha excelencia obxectiva á vida consagrada, que reflicte o mesmo modo de vivir de Cristo”[3]. As persoas consagradas maniféstanse no don de si mesmas por amor a Cristo e nel a cada membro da familia humana. “Con esta certeza que animou a innumerables persoas ao longo dos séculos, o pobo cristián continúa contando, consciente de que poderá obter da achega destas almas xenerosas un apoio valiosísimo no seu camiño cara á patria do ceo”[4].

Presenza do amor de Deus

O lema para esta Xornada é: “Noso Pai. A Vida consagrada, presenza do amor de Deus”. Certamente é esta unha fermosa definición da vida consagrada, facilmente intelixible e constatable para todos. Basta observar a vida e o testemuño dos consagrados para darnos conta de que Deus Pai nos ama entrañablemente, como por outra banda nos revelou Xesús na oración do Noso Pai coa que ensinou a orar os seus discípulos. O pasado ano dicíavos que debía ser o amor de Deus o que nos mova en toda circunstancia. E este é un amor desinteresado, gratuíto, sobreabundante, que entrega a vida. Sentir este amor dá un corazón agradecido. Isto reflíctese en vós, queridos consagrados, de maneira especial, a través da vosa actitude contemplativa ou da vosa actividade apostólica. A testemuña fiel do amor de Deus Pai é Cristo que ha de ser referencia para todos os cristiáns en xeral e en especial para os consagrados. “A santidade mídese pola estatura que Cristo alcanza en nós, polo grao como, coa forza do Espírito Santo, modelamos toda a nosa vida segundo a súa”[5]. Na práctica gozosa da castidade, na pobreza evanxélica ao servizo dos pobres e na vosa obediencia percíbese que a forza do amor de Deus pode obrar grandes cousas para realizar a misión evanxelizadora, mostrando a vosa predilección polos pobres, promovendo a xustiza, e coidando dos enfermos e dos débiles materialmente e espiritualmente. A pureza é o aspecto positivo da pobreza que fai posible o servizo e dispón a ser servidor. A virtude propia e a consumación dunha alma de servidor é a fidelidade, virtude de vinculación ao próximo. O servidor fai a obra doutro, manténdose na constancia e na probidade. “Xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito; pasa a gozar da festa do teu señor” (Mt 25,23). Debédesvos a Deus e todo o que fagades debe manifestalo. “O modo de pensar e de actuar por parte de quen segue a Cristo máis de preto dá orixe, en efecto, a unha auténtica cultura de referencia, pon ao descuberto o que hai de inhumano, e testemuña que só Deus dá forza e plenitude aos valores”[6].

Alegría pola vosa presenza

Alégranos ter esa presenza do amor de Deus en vós, lembrándonos que Cristo veu servir e non a ser servido e seguindo os Consellos evanxélicos desexades ir onde Cristo foi e facer o que El fixo, deixándonos esa vía luminosa da esperanza. Ao agradecervos todo o que estades a facer na nosa igrexa diocesana, saúdavos con todo afecto e bendí no Señor.

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela

 

[1] FRANCISCO, Gaudete et exsultate, nº 158.

[2] XOÁN PAULO II, Vita consecrata, nº 3.

[3] Ibid., nº 32.

[4] Ibid., nº 3.

[5] FRANCISCO, Gaudete et exsultate, nº 21.

[6] XOÁN PAULO II, Vita consecrata, nº 80.

Versión en castelán