Carta Pastoral no Día do Catequista na Diocese 2019

Asemblea de catequistas e Día da Catequese

Queridos/as catequistas:

De novo e con renovada esperanza chego ata vós agradecéndovos vosa colaboración no compromiso catequético diocesano, e chamándovos a intensificar o voso  empeño nesta tarefa imprescindible do quefacer pastoral da vida diocesana.

Sei do sacrificio, constancia e paciencia que supón exercer este ministerio catequético pero paga a pena. As grandes obras requiren sobre todo a perseveranza. Por outra banda, nunca un problema venceu a esperanza. Por iso máis que comentar os vosos pesares, enumerade as vosas alegrías que non son poucas nesta fermosa tarefa que afrontades coa laboriosidade da vosa fe, a fatiga da vosa caridade e a firmeza da vosa esperanza.

O lema desta asemblea é moi suxestivo: “Acompañantes no camiño da fe”. A icona de Moisés, acompañando e guiando o pobo de Israel, e, por suposto, a de Cristo, acompañando os discípulos de Emaús, son un referente clarificador do que comporta o acompañamento no camiño da fe. “Na fe, Cristo non é soamente Aquel en quen creo, a manifestación máxima do Amor de Deus, senón tamén Aquel a quen miro para poder crer. A fe non só mira a Xesús, mira desde o punto de vista de Xesús, cos seus ollos: é participación no seu modo de ver” (Lumen Fidei 18). Este é o estilo eclesial do anuncio e do testemuño, iniciando os pequenos e os adultos na fe cunha actitude de escoita e de diálogo, para levar da escravitude á liberdade como Moisés ao pobo de Deus e desde a luz da Palabra de Deus á celebración como Xesús aos discípulos de Emaús.

Agradezo todo o traballo que se está realizando desde a Delegación Diocesana de Catequese para acompañar e dar resposta ás preguntas dos que realizan este ministerio. É importante acompañar pero non é menos importante sentirse acompañado.

Lémbrovos que a Asemblea Diocesana de Catequistas será o día 9 de marzo e o día da Catequese nas parroquias será o 17 deste mesmo mes. Conto coa vosa participación.

Versión en castelán