Carta Pastoral no Día do Corpus Christi. Xuño 2019

É posible mellorar o mundo

Queridos diocesanos:

A solemnidade do Corpus Christi motívanos a afondar no que a Eucaristía significa na Igrexa para a vida dos crentes en Cristo. Xa desde os primeiros momentos da comunidade cristiá a Eucaristía estivo no centro da vida eclesial. Así o reflicte o texto dos Feitos dos Apóstolos onde podemos ler: “Eran perseverantes en escoitar a ensinanza dos apóstolos, na comuñón da vida, no rito de partiren o pan, e nas oracións” (Feit 2,42). Non podemos entender a dinámica do cristianismo á marxe do amor de Cristo que entregou a súa vida por nós, e instituíu o sacerdocio e a Eucaristía, deixándonos o mandamento novo: “Amádevos uns a outros; como eu vos amei”. Así, o método de vida cristiá fundaméntase: en coñecer a Cristo, na eucaristía, no compartir a propia existencia cos demais, e na actitude misioneira. No día a día a referencia é o Cenáculo.

Son iluminadoras as belas palabras que san Xoán Paulo II escribiu: “Cando os discípulos de Emaús lle pediron que quedase «con» eles, Xesús contestou cun don moito maior. Mediante o sacramento da Eucaristía atopou o modo de quedar «en» eles. Recibir a Eucaristía é entrar en profunda comuñón con Xesús. «Permanecede en min, e eu en vós» (Xn 15,4). Esta relación de íntima e recíproca «permanencia» permítenos anticipar en certo xeito o ceo na terra. Non é quizais este o maior anhelo do home? Non é isto o que Deus se propuxo realizando na historia o seu designio de salvación? El puxo no corazón do home a «fame» da súa Palabra (cf. Am 8,11), unha fame que só se satisfará na plena unión con El. Dásenos a comuñón eucarística para «saciarnos» de Deus nesta terra, á espera da plena satisfacción no ceo”[1]. A Eucaristía é garantía de inmortalidade: “Eu son o pan vivo que baixou do ceo;  se alguén come deste pan, vivirá para sempre. e o pan que eu vos darei, é a miña carne, para a vida do mundo” (Xn 6,51).

Día da Caridade

A celebración da Eucaristía ofrécenos o amor de Cristo que temos que reflectir nos demais. “O culto agradable a Deus nunca é un acto sinxelamente privado, sen consecuencias nas nosas relacións sociais; ao contrario esixe o testemuño público da propia fe. Obviamente, isto vale para todos os bautizados, pero ten unha importancia particular para os que pola posición social ou política que ocupan, han de tomar decisións fundamentais como o respecto e a defensa da vida humana, desde a súa concepción ata o seu fin natural, a familia fundada no matrimonio entre home e muller, a liberdade de educación dos fillos e a promoción do ben común en todas as súas formas”[2].

A Igrexa en España fai coincidir con esta solemnidade o Día da Caridade. Este ano Cáritas proponnos como lema: “Pon en marcha o teu compromiso para mellorar o mundo”, convidándonos a saír ao encontro dos demais se queremos que xermole a fraternidade, e a tratar de dar cabida aos outros non só na nosa mente senón sobre todo no noso corazón, conscientes de que cando vivimos xenerosamente sempre recibimos máis do que damos. Temos que ser un signo de vida, abrindo horizontes de esperanza, construíndo na bondade e no amor, e superando os prexuízos que sempre nos distancian. Fagamos da nosa vida un trampolín que nos lance a anunciar a Boa Noticia do Evanxeo, tendo sempre presentes os pobres. “Na comunidade dos crentes non debe haber unha forma de pobreza na que se negue a alguén os bens necesarios para unha vida decorosa”[3]. Así poderemos mellorar o mundo. “Se Deus é amor, a linguaxe que mellor evanxeliza é o do amor. E o medio máis eficaz de levar a cabo esta tarefa no ámbito social é, en primeiro lugar, o testemuño da nosa vida, sen esquecer o anuncio explícito de Xesús Cristo. Falamos de Deus cando o noso compromiso afunde as súas raíces na entraña do noso Deus e é fonte de fraternidade; cando nos fai fixarnos os uns nos outros e cargar os uns cos outros; cando nos axuda a descubrir o rostro de Deus no rostro de todo ser humano e nos leva a promover o seu desenvolvemento integral; cando denuncia a inxustiza e é transformador das persoas e das estruturas; cando nunha cultura do éxito e da rendibilidade aposta polos débiles, os fráxiles, os últimos; cando se vive como don e axuda a superar a lóxica do mercado coa lóxica do don e da gratuidade; cando se vive en comuñón; cando contribúe a configurar unha Igrexa samaritana e servidora dos pobres e leva a compartir os bens e servizos; cando se fai vida gratuitamente entregada, alimentada e celebrada na eucaristía”[4].

Que a solemnidade do Corpus Christi sexa para todos un día de adoración e loanza ao Santísimo Sacramento. Agradecéndovos a vosa xenerosa colaboración económica a Cáritas para axudar os necesitados, saúdavos con todo afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

[1] XOÁN PAULO II, Mane nobiscum Domine, 19.

[2] BIEITO XVI, Sacramentum caritatis, 83.

[3] BIEITO XVI, Deus caritas est, 20.

[4] CEE, Igrexa servidora dos pobres, Ávila 2015, 41.

 

Versión en castelán