Carta Pastoral no Día do Domund. Outubro 2018

“Cambia o mundo”

Queridos diocesanos:

A Xornada Mundial Misioneira lémbranos que debemos rezar polos misioneiros e colaborar pastoral e economicamente coas misións. O obxectivo desta Xornada é como di o papa Francisco, “poñer a misión de Jesús no corazón da mesma Igrexa, transformándoa en criterio para medir a eficacia nas estruturas, os resultados do traballo, a fecundidade dos seus ministros e a alegría que estes son capaces de suscitar. Porque sen alegría non se atrae a ninguén”[1]. Se todos estamos chamados a dar razón da nosa fe e da nosa esperanza, neste ano de maneira especial o Papa pon o acento nos mozos con motivo da celebración do Sínodo dedicado a eles, animando a que “xunto aos mozos, levemos o Evanxeo a todos”[2].

Cambiar o mundo

Cambia o mundo” é o lema desta Xornada. Os misioneiros móstrannos que un cambio a mellor é posible. Considero que todos estamos convencidos de que hai moitas realidades que poden cambiar para mellor aínda que ás veces teñamos a impresión de que non merece a pena facer nada xa que as cousas van seguir igual. Sería unha equivocación que soa a non complicarnos a vida. Esa actitude faría que nos mostrásemos indiferentes á hora de ofrecer a nosa colaboración para que a nosa sociedade poida ser mellor, que sen dúbida pode selo.

Os mozos están chamados a ser os principais protagonistas  do  cambio radical. Con motivo das Confirmacións cando comentamos isto, dicídesme que a nosa sociedade e o noso mundo poden ser mellor. Pensemos na chamada aos apóstolos cos que Jesús quixo compartir a súa vida misioneira nun clima de amor, confianza e amizade. “Mestre, ¿onde vives?”. “Vide e veredes”. “E quedaron con el aquel día” (Jn 1,38-40). Isto leva a necesidade de converternos para axudar na conversión dos demais. O papa Xoán Paulo II poñía en boca de Jesús esta pregunta aos mozos: “Para ti ¿quen son eu? A vida, o destino, a historia presente e futura dun mozo  depende da resposta nítida e sincera, sen retórica nin subterfugio”[3]. Pola súa banda o papa Francisco convídavos a preguntarvos: “¿Que faría Cristo no meu lugar? Transmitir a fe ata os confíns da terra”. Así o fixo o apóstolo Santiago o Maior. A transmisión da fe e dos valores cristiáns é un desafío “porque vivimos encerrados nun mundo que parece ser do todo obra humana e non nos axuda a descubrir a presenza e a bondade de Deus Creador e Pai”[4]. Subliña o Papa na súa mensaxe para o Domund: “Non teñades medo de Cristo e da súa Igrexa. Neles atópase o tesouro que enche de alegría a vida”.

Puntos cardinales orientadores para a misión

O impulso dos mozos cara á actividade misioneira supón a resposta á pregunta: ¿Que buscades? Pregunta que Jesús fixo aos primeiros discípulos e que agora comparto convosco, sabedor de que sodes conscientes da vosa responsabilidade no futuro da sociedade e da Igrexa. Á hora de dar canle a esta inquietude misioneira os puntos cardinales cos que debedes orientarvos son o “encontro persoal con Cristo”, sabendo que o que habedes  de comunicar non é unha ideoloxía senón a adhesión a Cristo, camiño, verdade e vida; “o testemuño cristián” como doazón persoal que subliña a importancia da misión e a súa valía; “o desprendemento e a xenerosidade” compartindo o que un ten e o que é, incluso a propia vida; e “a comuñón eclesial”: a misión ha de vivirse na Igrexa, coa Igrexa e para a Igrexa. A vocación xorde neste contexto e ha de desenvolverse nel, tendo como referencia o compromiso de bautizados. “A misión é envío para a salvación, que realiza a conversión do enviado e do destinatario; a nosa vida é, en Cristo, unha misión. Nós mesmos somos misión porque somos o amor de Deus comunicado e somos a santidade de Deus creada á súa imaxe. Por tanto, a misión é a nosa santificación e a do mundo enteiro, desde a creación”[5]. As parroquias, as asociacións, os movementos, as comunidades relixiosas, as distintas expresións de servizo misioneiro son ámbitos nos que podedes dar canle á misión.

 Como o pasado ano lémbrovos que o apóstolo Santiago o Maior chegou ata nós para traernos a mensaxe de Cristo, e anímovos a manifestar agradecemento a todos os misioneiros e misioneiras, e a todas as persoas que lles acompañan no compromiso de anunciar o Evanxeo, apoiando as vocacións misioneiras. É sempre actitude misioneira saír ao encontro dos demais para anunciar a Cristo. ¡Sexamos xenerosos material e espiritualmente!

Saúdavos con afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

[1] FRANCISCO, Discurso aos directores de Obras Misionales Pontificas, 1 de xuño de 2018.

[2] FRANCISCO, Mensaxe para o Domund 2018.

[3] XOÁN PAULO II, Homilía na praza de Israel Pinheiro, Belo Horizonte, 1 de xullo de 1980.

[4] CEE, Orientacións morais ante a situación actual de España. Instrución pastoral, 2006, 12.

[5] FRANCISCO, Discurso….

Versión en castelán