Carta Pastoral no Día do Enfermo 2019

Á beira dos enfermos

Queridos diocesanos:

Todos os días son día do Enfermo porque esta é unha realidade que, ben referida a un persoalmente ou a outras persoas, nos atopamos visiblemente no noso redor. Ante a enfermidade sentímonos fráxiles e moitas veces indefensos. Isto lévanos a descubrir na nosa condición humana a necesidade da proximidade, axuda e comprensión que necesitamos dos demais, especialmente dos que nos rodean.

Indicación de Cristo

Escribe o papa Francisco na súa mensaxe para esta Xornada que “o coidado dos enfermos require profesionalidade e tenrura, expresións de gratuidade, inmediatas e sinxelas como o aloumiño, a través das cales se consegue que a outra persoa se sinta querida”. Neste sentido para interpretar o que debe ser esa necesaria sinfonía do coidado dos enfermos proponnos esta clave: “De balde recibistes; dade de balde”. Esta advertencia nas ensinanzas de Xesús aos seus discípulos ten o seu contexto no encargo da misión que lles ía a confiar: “Mentres camiñades proclamade que xa chega o Reino dos Ceos. Curade enfermos, resucitade mortos, limpade gafos” (Mt 10,8). Para cumprir esta misión é necesario conformar o noso corazón a semellanza do de Cristo, levando o afecto e o consolo aos demais. Á vez esixe negarse un a si mesmo ofrecendo o propio coa dispoñibilidade que revela o amor de Cristo que veu servir e non a ser servido.

Talvez alguén se pregunte que debo dar. A resposta é sinxela: dar todo o que un recibiu, todo o que uno é. Porque que tes ti que non o recibises? (1Cor 4,7). Nada se nos deu como puro privilexio para nós persoalmente. Todo o que recibimos de Deus debemos dalo de balde aos demais. Somos don do amor de Deus e este amor temos que difundilo nos demais de maneira especial en quen máis pode necesitalo e entre eles os enfermos, xa sexa nos hospitais, nas residencias ou nos fogares familiares. Os cristiáns somos aliados de Deus para acompañar a aqueles aos que Xesús mirou con compaixón. Comprometernos nesta misión é anunciar a salvación que Cristo veu traernos.

O voluntariado na pastoral da saúde

 Coñecer a historia da Igrexa é tomar conciencia de que a caridade é fío fundamental na confección do seu tapiz. Somos conscientes de que a dor e a enfermidade son constantes non desexadas nas nosas vidas. A preocupación das persoas da Pastoral da Saúde é estar á beira dos enfermos sabendo que temos que amar o próximo como a nós mesmos. Isto comporta poñerse na situación do outro. O mesmo enfermo no seu desvalemento comprende máis facilmente a angustia que experimentan quen sofre a súa mesma ou parecida situación.

Realizar esta misión comporta un estilo de vida no que “a gratuidade humana é o fermento da acción dos voluntarios, que son tan importantes no sector socio-sanitario e que viven de maneira elocuente a espiritualidade do Bo Samaritano”, escribe o papa Francisco quen, na súa Mensaxe, nos exhorta tamén a todos a promover a cultura da gratuidade e do don, indispensable para superar a cultura do beneficio e do descarte. Convídovos a todos a que miredes con cordial agradecemento as persoas que fan visible o amor de Deus polos enfermos. Anímovos, admirados voluntarios da Pastoral da Saúde, a que xunto á formación técnica que loxicamente se necesita, acrecentedes o voso sentir humanitario para ser persoas cuxo corazón foi conquistado polo amor de Cristo, acreditando así o voso amor ao próximo e “para os vosos adentros adorade a Cristo coma Señor, estade sempre dispostos a responder a todo aquel que vos pida razón da esperanza que levades dentro.” (1 Pe 3,15). É necesario non perder esta identidade na vosa dedicación fomentando a espiritualidade de comuñón que nos descobre a todos que a nosa vida atopa sentido cando sabemos vivila ao servizo dos demais. A vós, queridos enfermos e enfermas, dicirvos que vos teño moi presentes na miña oración coa intercesión da Virxe María, saúde dos enfermos.

Saúdavos con todo afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,

Arcebispo de Santiago de Compostela.

Versión en castelán