Carta Pastoral no Día do Papa. Xuño 2019

Xornada pola Caridade do Papa

Queridos diocesanos:

A solemnidade dos apóstolos san Pedro e san Pablo lémbranos cada ano a Xornada pola Caridade do Papa. Como en anos anteriores, unímonos ao Papa no exercicio do seu ministerio coa nosa oración e á vez coa nosa axuda económica. O Papa cos seus xestos e as súas palabras sae sempre ao encontro dos demais, sobre todo dos máis necesitados, escoitándolles e respondendo as súas inquietudes espirituais e materiais.

En todas as parroquias da Diocese, nas misas do sábado e domingo, días 29 e 30 deste mes, farase a colecta do Óbolo de San Pedro que o Papa dedica a obras de caridade. A este fondo chegan tamén as achegas procedentes dos Institutos de Vida Consagrada e das sociedades de Vida Apostólica, así como as dos donativos de fieis particulares. Son moitas as obras e sobre todo as persoas, vítimas de guerras e catástrofes naturais, refuxiadas e emigrantes, ás que axuda o Papa.

A caridade, manifestada co Sucesor de Pedro, expandirase cara ao mundo como froito e memoria viva da comuñón cristiá. Estou seguro da vosa xenerosidade segundo as vosas posibilidades económicas. A Diocese enviará ao Papa esta colecta que a través del fará ben a moitas  persoas, reflectíndose esa proxección universal que ten a acción da Igrexa. Pongámonos ao servizo de Cristo que, sendo rico, fíxose pobre, a fin  de enriquecernos a nós (cf. Flp 2,6-8).

Saúdavos con afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

Versión en castelán