Carta Pastoral no Día do Papa. Xuño 2020

Xornada pola Caridade do Papa

Queridos diocesanos:

Ao redor da solemnidade dos apóstolos san Pedro e san Pablo, como lembrades, adoitamos ter a Xornada pola Caridade do Papa. Como en anos anteriores, uniámonos a el no exercicio do seu ministerio coa nosa oración e á vez coa nosa axuda económica. O Papa cos seus xestos e as súas palabras sae sempre ao encontro dos demais, sobre todo dos máis necesitados, escoitándoos e respondendo as súas inquietudes espirituais e materiais, como o comprobamos día a día. Teñamos en conta que as consecuencias da pandemia do coronavirus agudizaron a situación de pobreza nos países máis vulnerables.

Dadas as circunstancias deste ano, a Santa Sé considerou que a colecta do Óbolo de San Pedro no canto dos días 27 e 28 deste mes, se faga os días 3 e 4 de outubro en todas as parroquias da Diocese. A este fondo chegan tamén as achegas procedentes dos Institutos de Vida Consagrada e das sociedades de Vida Apostólica, así como as dos donativos de fieis particulares. Son moitas as persoas, vítimas de guerras e catástrofes naturais, refuxiadas e emigrantes, e afectadas por pandemias, ás que o Papa axuda. Abonda con lembrar como signo de proximidade e afecto o envío de respiradores que fixo a un hospital de Madrid con motivo do coronavirus.

A caridade do Papa chega a moitos lugares como froito e memoria viva da comuñón cristiá. Estou seguro da vosa xenerosidade segundo as posibilidades económicas. A Diocese enviará ao Papa esta colecta que a través del fará ben a moitas persoas, reflectíndose esa proxección universal que ten a acción da Igrexa. Pongámonos ao servizo de Cristo que, sendo rico, fíxose pobre, a fin  de enriquecernos a nós (cf. Flp 2,6-8).

Saúdavos con afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

Versión en castelán