Carta Pastoral na Campaña de Mans “Unidas”. Febreiro 2020

“Quen máis sofre os malos tratos ao planeta non es ti”

Queridos diocesanos:

O lema para a campaña de Mans Unidas deste ano pode sorprendernos. Con todo habemos de considerar que nos malos tratos á natureza quen máis sofre as consecuencias son as persoas empobrecidas. Son dous clamores que converxen, tanto o dos pobres como o dos malos tratos á terra pola cobiza e a avaricia con que ás veces actuamos.

Relativismo e consumismo

A deterioración ambiental e a crise persoal e social que o acompañan son dúas realidades ás que debemos prestar moita atención. Non podemos esquecer que “o que afecta aos demais, a nós non nos pode ser alleo”. Por outra banda a nosa actitude en relación coa natureza non ha de ser a de considerarnos donos senón administradores da mesma, coidándoa o mellor posible e pensando en todos os que habitamos o planeta. Neste sentido habemos de evitar o relativismo que nos leva a considerar irrelevante o que non serve aos nosos propios intereses, e o consumismo que nos fai esquecer que o apego ás cousas materiais é unha trampa na que facilmente caemos, que nos deixa o corazón baleiro e fai esquecer o noso compromiso co ben común.

Arroupados no noso confort pásanos desapercibida a situación de tantas persoas que viven nunhas condicións insalubres tanto na auga potable, como no aire contaminado e nos alimentos en malas condicións. Habemos de escoitar o clamor dos empobrecidos que como di o papa Francisco, “non teñen outras actividades financeiras nin outros recursos que lles permitan adaptarse aos impactos climáticos ou facer fronte a situacións catastróficas e dispoñen de pouco acceso a servizos sociais e a protección […] A falta de reaccións ante estes dramas dos nosos irmáns e irmás é un signo da perda daquel sentido de responsabilidade polos nosos semellantes sobre o cal se funda toda sociedade civil”[1].

A nosa casa común

Dános medo fixarnos detidamente na nosa casa común e comprobar a situación da mesma. Lembramos que recibíndoa habitable, -“viu Divos o que fixera, e era moi bo” (Xene 1,31)-, estamos a deteriorala de forma que os que veñan detrás de nós xa non a poderían habitar en condicións dignas. “A esperanza convídanos a recoñecer que sempre hai unha saída, que sempre podemos reorientar o rumbo, que sempre podemos facer algo para resolver os problemas”[2]. Isto debe espertar a responsabilidade desde a nosa condición de crentes e desde a razón que nos vincula a toda a sociedade. O obxectivo é “tomar dolorosa conciencia, atrevernos a converter en sufrimento persoal o que lle pasa ao mundo, e así recoñecer cal é a contribución que cada un pode achegar”[3]. Se coidamos a natureza, estamos a combater a pobreza. Quen máis sofren as consecuencias da degradación ambiental son as persoas empobrecidas. É urxente traballar por unha sociedade máis xusta e por un mundo sostible. No medio da procura da rendibilidade dominante sementar gratuidade é cultivar humanidade.

Vivir a espiritualidade cristiá

Lembramos a multiplicación dos pans realizada milagrosamente por Jesús. “Cando se saciaron, di aos seus discípulos: Recollede os pedazos que sobraron; que nada se perda. Recolléronos e encheron doce canastos cos pedazos dos cinco pans de cebada que sobraron aos que comeran” (Jn 6,12). Isto fainos pensar na comida que desperdiciamos e da que tanta necesidade teñen moitas persoas. “A espiritualidade cristiá propón un crecemento con sobriedade e unha capacidade de gozar con pouco. É un retorno á simplicidade que nos permite deternos a valorar o pequeno, agradecer as posibilidades que nos ofrece a vida sen apegarnos ao que temos nin entristecernos polo que non posuímos. Isto supón evitar a dinámica do dominio e da mera acumulación de praceres”[4].

Saúdavos con afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela

 

[1] FRANCISCO, Laudato Se’, 25.

[2] Ibid., 61.

[3] Ibid., 19.

[4] Ibid., 222.

Versión en castelán