Carta Pastoral na festa da Virxe do Carme 2019

“Confía, mariñeiro; dálle a El o teu temón”.

Queridos diocesanos:

Ao chegar o día da festa da nosa Señora do Carme, patroa dos homes e mulleres do mar, devoción tan arraigada sobre todo nas comunidades do litoral da nosa diocese, fágovos chegar a todos, especialmente á familia do mar, a miña mensaxe de proximidade e comuñón.

Dificultades na vida da xente do mar

Son consciente das moitas dificultades que as persoas que traballan no mar afrontan para procurar aos seus un futuro mellor, contribuíndo así, igualmente, ao progreso da sociedade. Dificultades de toda índole, non sendo as menores as de orde persoal e familiar: as longas ausencias, a soidade, o non poder compartir acontecementos importantes cos membros da familia para celebrar o seu gozo ou para confortalos nos momentos de dor, tamén o cansazo, as esgotadoras xornadas laborais e a falta de tempos axeitados para descansar en porto, xa que os avances tecnolóxicos reduciron de xeito significativo o tempo de atracada nos portos, dificultando así mesmo o labor dos voluntarios que ofrecen asesoramento laboral ou espiritual.

Memoria na oración

Tristemente hei de referirme aos diocesanos que, ao longo deste último ano, perderon as súas vidas nos traballos do mar: os tres falecidos no Sen Querer 2 de Cambados: Manuel Serén, Bernardino Padín e Teófilo Rodríguez, así como o desaparecido no devandito naufraxio: Guillermo Casais; igualmente recordo ao falecido en Malpica, José Ángel Silvosa, mariñeiro do A Silvosa. Encomendámolos á protección materna da nosa Señora do Carmen, na confianza de que os presentará ao seu Fillo, guiándoos ao porto seguro da salvación. Ás súas familias, que sofren a súa ausencia, animámolas a non decaer na fe e a buscar o consolo no Señor, que nunca nos abandona, e na comunidade cristiá, que coa súa proximidade e oración sabe enxugar as bágoas dos que sofren. Ao lembrar a estes irmáns nosos e a tantos outros que, vivindo en condicións non exentas de risco, traballan polo ben da nosa sociedade, na pesca, no transporte marítimo ou nas distintas misións da Armada, debemos recoñecer o seu esforzo na construción da sociedade, e como cristiáns estimalos como irmáns queridos e comprender as súas dificultades.

Lema da festa do Carme

Queridas xentes do mar, o lema que a Igrexa  nos ofrece este ano para a festa do Carme, é todo un signo de confianza, de ánimo e de esperanza no Señor: “Confía, mariñeiro, dálle a El o teu temón”. É un berro fraterno, para que cada un de nós, tamén os homes e mulleres da mar, abramos o noso corazón a Cristo e deixémolo dirixir as nosas vidas. El ilumina as nosas noites e fai que despois da escuridade amenza a luz. Algunhas das dificultades que sinalamos, e outras moitas máis presentes neste mundo, suceden porque non se viven na terra os valores do Reino de Deus. Deixando que Cristo conduza as nosas vidas, construímos unha sociedade nova: máis transparente, libre e humana. Así o subliña o papa Francisco cando escribe: “O desafío urxente de protexer a nosa casa común inclúe a preocupación de unir a toda a familia humana na procura dun desenvolvemento sustentable e integral, pois sabemos que as cousas poden cambiar. O Creador non nos abandona, nunca fixo marcha atrás no seu proxecto de amor, non se arrepinte de crearnos. A humanidade aínda posúe a capacidade de colaborar para construír a nosa casa común” (Laudato si, 13).

Esa confianza que se nos pide para deixar o temón das nosas vidas en mans de Xesús Cristo, provén da fe nel, que non é unha referencia do pasado, nin algo morto ou ausente das nosas preocupacións diarias. Que marabillosa certeza é que a vida de cada persoa non se perde nun desesperante caos, nun mundo rexido pola pura casualidade ou por ciclos que se repiten sen sentido! O noso final non será o abismo senón a transformación gloriosa da inmortalidade. O Creador dinos a cada un de nós: “Antes de que te sacara do seo da túa nai, mireite; antes de que saíres das entrañas, consagreite; constituínte profeta para as nacións” (Xer 1,5). Fomos concibidos no corazón de Deus, e por iso “cada un de nós é o froito dun pensamento de Deus. Cada un de nós é querido, cada un é amado, cada un é necesario” (Laudato si, 39).

Con esta convicción afrontamos a vida e as súas dificultades con esperanza: Cristo mesmo, leva o noso temón e El é o Amigo que nunca falla. Pedindo que a Virxe do Carme vos ampare nas vosas singraduras e no voso traballo, e protexa as vosas familias, ofrézovos as miñas oracións e bendígovos de todo corazón.

+Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

Versión en castelán