Carta Pastoral na festa da Virxe do Carme 2020

“100 anos servindo ás xentes do mar”

Queridos diocesanos:

Próximo xa o día no que celebraremos á Virxe do Carme, diríxome aos que traballades no mar, e ás vosas familias, para expresarvos a proximidade material e espiritual da Igrexa diocesana, nestes momentos especialmente difíciles para todos.

Precisamente este ano a Igrexa conmemora o centenario dese apostolado específico para as xentes do mar, coa fundación en 1920 en Glasgow do primeiro centro Stella Maris, que institucionaliza a acción pastoral que a Igrexa xa desenvolvía había tempo cos mariños e pescadores. En 1927, fundouse o primeiro centro en Barcelona. Desde entón escribiuse unha fecunda historia de atención e servizo ás xentes do mar, que hoxe se concreta na presenza dese apostolado en 322 portos de 56 países. De aí o lema para esta xornada: “100 anos servindo á xente do mar”.

Proximidade da Igrexa ás xentes do mar

A Igrexa, samaritana e servidora, da que formades parte, queridos homes e mulleres do mar, está preto de todos. “O gozo e a esperanza, a tristeza e a angustia dos homes do noso tempo, sobre todo dos pobres e de todos os aflixidos, son tamén gozo e esperanza, tristeza e angustia dos discípulos de Cristo e non hai nada verdadeiramente humano que non teña resonancia no seu corazón[1]. Os centros Stella Maris e o apostolado do Mar testemuñan que a Igrexa e os cristiáns serven con eficacia as persoas, camiñan ao seu lado e comparten as súas inquietudes e dificultades. Os voluntarios do apostolado do mar non se conforman con dicir fago o que podo, senón que o seu lema é: “intentamos facer todo o que faga falta.

Especial atención aos traballadores do mar

É verdade que ao longo destes cen anos as condicións da vida e do traballo evolucionaron positivamente, tamén para as xentes da mar; pero non é menos certo que aínda se constatan algunhas deficiencias. Son consciente de que as actuais circunstancias do coronavirus engadiron máis dificultades ás que xa tiñades respecto ao voso traballo e ao seu desenvolvemento. Nese sentido fago miña a reivindicación de que os traballadores do mar sexan considerados con atención especial, tal como pediu ás Nacións Unidas a Christian Maritime Association, uníndose a outras moitas entidades do sector. É evidente que o voso traballo na pesca, no transporte e noutros campos nos que vos vedes concernidos, colabora de modo decisivo ao ben común de toda a sociedade, e por iso debe ser considerado con especial atención por parte das autoridades. Neste sentido son necesarios os mecanismos laborais e de transporte para que as tripulacións poidan ser relevadas e reunirse coas súas familias nas xornadas de descanso que lles correspondan. Penso tamén nos traballadores dos cruceiros, fondeados en distintas partes do mundo, ás veces sen poder desembarcar, ou nos dos barcos de pesca que ven con preocupación o futuro pola xa presente crise económica.

Un lugar no corazón da Igrexa

Son esclarecedoras as palabras do Papa Francisco naquela tarde chuviosa do 27 de Marzo, na Praza de San Pedro baleira, que recollían sen dúbida os temores e esperanzas de toda a humanidade. Dixo o Papa: “Do mesmo xeito que aos discípulos do Evanxeo os sorprendeu unha tormenta inesperada e furiosa, deámonos conta de que estabamos na mesma barca, todos fráxiles e desorientados; pero, ao mesmo tempo, importantes e necesarios; todos chamados a remar xuntos, todos necesitados de confortarnos mutuamente. Nesta barca, estamos todos…. tamén nós descubrimos que non podemos seguir cada un pola nosa conta, senón só xuntos[2]. O Papa, co símil da barca e a navegación, tan querida por Cristo, indica que nestes tempos de zozobra estamos convosco. Unidos na oración, agradecemos o voso traballo de cada día e a entrega xenerosa de tantos sacerdotes e voluntarios que vos acompañan.

Anímanos a todos a nosa condición de fillos daquela que é a vosa patroa e protectora. Quizais este ano non teñades a satisfacción de portala nos vosos barcos e paseala polas augas dos nosos mares; pero levádela na alma e acollédesvos a ela, sabendo que a Virxe do Carme míravos con ollos de Nai e pide por vós ao seu Fillo, que, sentado na barca de Pedro, fundamenta a vosa confianza en que, se El vai convosco, a singradura é segura. Poñemos baixo o seu manto a quen perdeu a vida faenando no mar.

Rezando por vós e encomendándome tamén á vosa oración, saúdavos con afecto e bendígovos no Señor.

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

[1] Concilio Vaticano II, Gaudium et spes, 1.

[2] FRANCISCO, Momento extraordinario de Oración en tempos de pandemia, 27 de marzo de 2020.

Versión en castelán