Carta Pastoral na Xornada dos sen Fogar. Outubro 2020

O fogar dignifica

O domingo 25 de outubro é o Día das Persoas sen Fogar enmarcado na Campaña Ninguén Sen Fogar, que acentúa as reivindicacións nesta frase: “E ti,que dis? Di basta. Ninguén Sen Hogar”. Esta xornada promovida por Cáritas busca concienciarnos ante a situación das persoas sen fogar e das que se están vendo privadas del polos desafiuzamentos. Todos temos o compromiso de reivindicar os seus dereitos e contribuír a transformar esa realidade. A casa “é unha condición necesaria para que o home poida vir ao mundo, crecer, desenvolverse, para que poida traballar, educar e educarse, para que os homes poidan construír esa unión máis profunda e máis fundamental que se chama familia[1].

O lema central da Campaña este ano reflicte a situación pola que pasa este colectivo: “Non ter casa mata. Os seus soños, as súas oportunidades, a súa confianza, a súa saúde… Os seus dereitos”. Estas esixencias plásmanse nun Manifesto no que se pide ás autoridades a posta en marcha de programas efectivos “para que se nos rebautice de novo, para deixar de ser unha nada e formar parte dun todo. Un todo que loite axuntando esforzos e na mesma dirección. Non máis silencios, non máis dor, non máis baleiros”. Vivimos esta experiencia con motivo da pandemia da Covid-19.

O actuar profético do cristián

A vida do cristián e a súa actuación esixen a denuncia profética. Cáritas, como  entidade da Igrexa católica, leva 28 anos facendo propia esta Campaña contando coa colaboración doutros colectivos e plataformas que traballan no campo do social, co obxectivo último de que toda persoa viva con dignidade nun fogar propio, en paz e de maneira permanente. Unha aposta que se fai efectiva, subliñando a centralidade absoluta das persoas en situación de sen fogar, e afirmando os seus dereitos de maneira global: “Todos os dereitos xuntos, á vez, todos os días, en todas partes”.

Os sen fogar non poden quedar reducidos a unha sinxela anécdota. Están na nosa órbita, non na lúa aínda que ás veces sexa a luz da lúa a que os acariñe entre os seus cartóns nas nosas rúas ou nos soportais. Esta Xornada busca remover as nosas conciencias e poñer sobre a mesa as reivindicacións destas persoas que precisan do noso apoio de forma particular, e das institucións e administracións competentes de forma xeral para solucionar este grave problema cuxa consecuencia é que a diario miles de persoas durman á intemperie ou en lugares insalubres. Coas distintas iniciativas búscase sensibilizar as nosas conciencias na defensa da dignidade da persoa humana para que poida exercer os seus dereitos, axuntando a paz e a verdade, a xustiza e o amor.

Deterioración da condición da persoa sen fogar

Cáritas e as entidades promotoras desta Campaña lembran que as condicións de inseguridade e as dificultades para acceder ou manterse nunha vivenda xeran en moitos casos problemas de ansiedade, de angustia, e mesmo depresión: “A inestabilidade residencial impacta directamente no benestar emocional e na saúde psíquica das persoas que viven en fogares vulnerables, que teñen dez veces máis risco de sufrir peor saúde”, refire o Manifesto. Consideran que é urxente a anunciada lei estatal de garantía de acceso á vivenda, onde se inclúan todas as situacións de exclusión residencial/senfogarismo dentro dunha estratexia máis ampla de políticas públicas baseadas no dereito humano á vivenda.

Con motivo da xornada das Persoas sen Fogar pídesenos traballar na medida das nosas posibilidades pero sen aforrar esforzo, para que estas persoas poidan dispoñer dun fogar. Abrir os nosos ollos é percibir esta realidade tan ferinte que afecta cada vez a máis persoas ás que temos que facer visibles e que esixe de nós un compromiso sinxelo pero constante. Con demasiada frecuencia ás persoas sen teito considerámolas como algo marxinal na nosa sociedade, pensando mesmo que afean a estética da nosa convivencia, e sentindo sinxelamente pena. Temos que  miralas cos ollos do corazón, é dicir, con amor, sentíndonos todos amados por Deus.

Saúdavos con afecto e bendí no Señor.

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela

 

[1] XOÁN PAULO II, Carta ao Presidente da Comisión “Iustitia et Pax”, Vaticano, 8 de decembro de 1987.

Versión en castelán