Carta Pastoral na Xornada Mundial polo Traballo decente. Outubro 2020

“Movémonos polo traballo decente”

Queridos diocesanos:

Alégrame poder comunicarme convosco con motivo do Xornada Mundial polo Traballo decente que terá lugar o 7 de outubro. A comunidade cristiá está convidada a manifestar esta preocupación a través das vixilias de oración, participación na Eucaristía e outras actividades cívicas que traten de concienciar sobre esta realidade.

Distintas entidades promotoras da iniciativa Iglesia polo Traballo Decente convócannos por sexto ano consecutivo, a participar nos diferentes actos, de forma individual ou colectiva, para manter viva a conciencia da necesidade dun traballo decente, unindo as voces reivindicativas para lembrar “o sentido creador do traballo” e loitar para erradicar “a secuela da precariedade laboral que caracteriza o actual sistema de relacións laborais e que lesiona os dereitos das persoas traballadoras e das súas familias. No Manifesto para esta Xornada sublíñase que a realidade actual está a visibilizar as consecuencias dun modelo produtivo incapaz de xerar emprego con alto valor engadido e marcado polas altas taxas de precariedade laboral. Constátase que demasiados empregos considerados esenciais manteñen condicións laborais tan precarias que algunhas veces rozan a vulneración de dereitos e moitas a imposibilidade do sostemento da vida. O papa Francisco, preocupado polas persoas que non contan cun emprego, lémbranos que a dignidade destas vese menoscabada ao non ser capaces de achegar algunha axuda á familia por medio do seu traballo, e insiste que “sen o traballo o home non só non pode alimentarse, senón que tampouco pode autorrealizarse, é dicir, chegar á súa dimensión verdadeira”.

A crise da pandemia puxo de relevo as debilidades estruturais do Estado de benestar en España e a necesidade do traballo decente para o desenvolvemento dunha sociedade fraterna. Esta crise ensinounos que se pode consumir menos e mellor, que o servizo daqueles oficios menos valorados, social e economicamente son os que sosteñen a vida e o coidado comunitario[1]. É responsabilidade da comunidade cristiá acompañar ás persoas que non teñen un traballo, mantendo unha actitude profética que denuncie aquelas situacións contrarias á dignidade humana, e agora con maior intensidade vendo a incidencia que está a ter a pandemia na destrución dos postos de traballo. Os movementos de Iglesia polo traballo decente traballan co fin de visibilizar a loita por conseguir que o traballo decente sexa cada día máis real na vida das persoas e respectuoso coa casa común. Habemos de concienciarnos de que non debemos tratar de solucionar o propio esquecendo as situacións precarias dos demais.

A procura e o ofrecemento dun traballo decente sitúanse no ben común. “A participación de todos na promoción do ben común implica, como todo deber ético, unha conversión renovada sen cesar, dos membros da sociedade. A fraude e outros subterfugios mediante os cales algúns escapan á obrigación da lei e ás prescricións do deber social deben ser firmemente condenados por incompatibles coas esixencias da xustiza. É preciso ocuparse do desenvolvemento de institucións que melloran as condicións da vida humana” (CIC 1916). Non é o momento de xerar confusión cando tanta unidade necesitamos para combater a pandemia que nos arrasa. Con todo, hai que afirmar con rotundidade que “no traballo a persoa exerce e aplica unha parte das capacidades rexistradas na súa natureza. O valor primordial do traballo pertence ao home mesmo que é o seu autor e destinatario. Cada cal debe poder sacar do traballo os medios para sustentar a súa vida e a dos seus, e para prestar servizo á comunidade humana” (CIC 2428). No día a día vemos que a vida económica está mediatizada por intereses diversos con frecuencia opostos entre si, o que explica o xurdimento de conflitos que a caracteriza.

A Doutrina Social da Iglesia úrxenos a lembrar a dignidade inviolable da persoa humana, o destino universal dos bens da creación, a participación de todos na procura de ben común, a solidariedade e a subsidiaridad, e chámanos a renovar o noso compromiso coa cultura do traballo que esixe renunciar a condutas consumistas e materialistas que non o valoran, e asumir un estilo de vida en austeridade como axuda ao outro. Hanse de defender os dereitos dos que traballan pero non se poden ignorar os de quen non atopan traballo, cando o traballo é un dereito e un deber. As condicións difíciles ou precarias do traballo fan difíciles e precarias as condicións da mesma sociedade e dun vivir ordenado segundo as esixencias do ben común. Por iso, “ourgimos a adoptar as medidas necesarias para conseguir que o traballo decente sexa unha realidade accesible para todas as persoas, con condicións que permitan manter unha vida digna e que a protección social chegue a todas as persoas que o necesitan¡Redescubramos a dimensión social da fe, plasmándoa en pautas de comportamento persoal e comunitario!

Saúdavos con afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela

 

[1] Manifesto da iniciativa Iglesia polo traballo decente para a Xornada do Traballo decente, 7 de outubro de 2020.

Versión en castelán