Carta pastoral na Xornada pola Vida. Marzo 2019

“O amor coida a vida”

 Queridos diocesanos:

Hoxe, día 25 de marzo, celebramos litúrgicamente a solemnidade da Anunciación do Señor. Neste contexto a Igrexa en España celebra a Xornada pola Vida. “O amor coida a vida” é o lema para orientarnos na nosa reflexión e compromiso cristián.

A aposta pola defensa da vida fundaméntase na dignidade integral da persoa, preocupación maior no medio dunha cultura post-humanista na que o valor da vida humana se vai diluíndo. Nalgunha ocasión sentímonos interpelados cando alguén se pregunta se a vida de tal ou cal persoa, ante o sufrimento que experimenta por unha enfermidade ou un proceso de envellecemento, “merece a pena ser vivida”. Pois si, toda vida merece a pena ser vivida desde a dimensión do amor e do sentir relixioso que non desaparecerá xamais porque non se pode eliminar do corazón do home a promesa sobre o significado  da propia vida.

“Ninguén ten amor máis grande que o que dá a vida” (Xn 15,13). Temos que ser conscientes de que a vida está para dala e de que ou a damos ou se nos disipa porque non a podemos almacenar. Xesús díxonos que viñera para que tivésemos vida e a tivesemos en abundancia (cf. Xn 10,10). E el entregou a súa vida por nós. “Unidos nun único amor, crer no amor que Cristo  nos ten e ao que nos chama implica unha «lóxica nova» que necesariamente temos que asumir e ensinar”[1].

Nesta Xornada tomamos conciencia de que temos que avivar a nosa sensibilidade e responsabilidade no coidado e na defensa da vida humana, realidade “sagrada” da que somos responsables, e “valor innegociable”,  en calquera circunstancia ou condición, que non se pode considerar como unha mercadoría “coa que se comercia e se manipula ao propio gusto”. O papa Francisco menciona entre outros “horrores” da “cultura do descarte” o feito de que moitos nenos non cheguen nunca a ver a luz, vítimas do aborto. O aborto non é un asunto suxeito a supostas reformas ou modernizacións, porque non é progresista pretender resolver os problemas eliminando unha vida humana[2]. É máis, “non se pode construír unha sociedade democrática, libre, xusta e pacífica, se non se defenden e respectan os dereitos de todos os seres humanos fundamentados na súa dignidade inalienable e, especialmente, o dereito á vida, que é o principal de todos”[3]. “O Evanxeo do amor de Deus ao home, o Evanxeo da dignidade da persoa humana e o Evanxeo da vida son un único e indisoluble Evanxeo”[4]. Por isto, “só é posible ver en verdade a vida humana desde a luz dese amor primeiro de Deus, onde atopa a súa verdadeira orixe. Isto é o que fai proclamar á Igrexa con forza: a vida é sempre un ben. Naceu dese amor primeiro e por iso pide ser acollida e recoñecida como digna de ser amada. Non hai vidas humanas refugables ou indignas que poidan ser por iso mesmo eliminadas sen máis. Deus é o garante da súa vida… Recoñecer a dignidade dunha vida é empeñarse en conducila á súa plenitude que está en vivir unha alianza de amor”[5].

Agradecemos a dedicación de tantas persoas que, tanto en institucións eclesiais como civís, traballan incansablemente, apoiando e acompañando a realidade da vida. Protexer e defender a vida humana desde o instante da súa concepción ata a morte natural é tarefa de todos. A vida humana aínda que se vexa afectada pola vulnerabilidade sempre merece ser vivida. “As persoas discapacitadas móstrannos a grandeza do seu corazón e da súa existencia. Son os campións da vida pola súa coraxe, un exemplo para todos e un verdadeiro testemuño da grandeza da súa existencia. Reflicten os valores máis xenuínos do ser humano, que posúe un valor infinito con independencia de calquera condicionamento físico, psíquico, social ou de calquera outra índole. Son persoas grandes, capaces de dalo todo, capaces de enriquecer os demais e capaces de acoller a todos”[6]. A experiencia dinos que coidar a vida por amor é recibir amor. Ben o saben sobre todo os pais.

Orar pola vida

É necesario que cada comunidade cristiá, cada grupo ou asociación, cada familia, e cada crente, rece ao Deus Creador, defendendo a vida en unión con outras persoas que sen ser crentes consideran “o dereito á vida de todo ser humano como patrimonio común da razón humana”. Que o Señor pola intercesión maternal de María santísima, concédanos a graza de que vaia crecendo o respecto polo carácter sagrado da vida e aumente cada vez máis o número de quen contribúe a favorecer no mundo a cultura da vida.

Saúdavos con afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela

 

[1] Mensaxe dos Bispos da Subcomisión da Familia na Xornada pola Vida 2019.

[2] Cf. FRANCISCO, Evangelii gaudium, 213-214.

[3] Nota da CCXXXIII Comisión Permanente da CEE, 2.

[4] XOÁN PAULO II, Evangelium vitae, 2

[5] Mensaxe dos Bispos da Subcomisión da Familia na Xornada pola Vida 2019.

[6] Nota dos Bispos da Subcomisión da Familia na Xornada pola Vida 2015. 4.

Versión en castelán