Carta pastoral. Xornada mundial de comunicacións sociais 2020

Tecer historias positivas

O día 24 de maio, solemnidade da Ascensión, terá lugar a LIV edición da Xornada Mundial das Comunicacións Sociais. O Papa a través da súa mensaxe publicada na festa de San Francisco de Sales, reflexiona cos xornalistas e coas persoas vinculadas ao ámbito comunicativo sobre o seu traballo e misión. Na mensaxe que leva por lema: Para que poidas contar e gravar na memoria (cf. Ex 10,2). A vida faise historia”, subliña o precioso patrimonio da memoria na comunicación, e pide aos xornalistas, “tecer historias que constrúan, non que destrúan”.

Outros anos alegrábanos ter un encontro cos comunicadores nese ambiente informal que facilita a conversación e o compartir. Este ano, polas circunstancias sabidas, non é posible unha reunión desas características, pero quero transmitirvos a todos cuantos facedes posible esa comunicación social na nosa Arquidiocese a miña proximidade, o meu recoñecemento e a miña gratitude polo voso traballo. Estades a ofrecer un servizo esencial nestes momentos de incerteza pola pandemia, achegando luz a través da obxectividade e a imparcialidade, fronte á escuridade de tantas falsas noticias, rumores sen fundamento ou trolas non ben intencionadas. Agradézovos a atención que estades a prestar á tarefa de Cáritas e á de tantas parroquias, cos seus sacerdotes, os seus voluntarios e os seus axentes de pastoral, porque a Igrexa non estivo pechada nunca. Quizá algúns templos estivesen nestes meses entreabertos, pero as portas da Igrexa diocesana seguiron abertas de par en par, acollendo a cuantos se achegaban necesitados material ou espiritualmente.

No medio da confusión das voces e das mensaxes que nos rodean, necesitamos unha narración humana, que nos fale de nós e da beleza que posuímos. Unha narración que saiba mirar ao mundo e aos acontecementos con tenrura; que conte que somos parte dun tecido vivo; que revele o entretecido dos fíos cos que estamos unidos uns cos outros”, escribe o papa Francisco, homenaxeando a tradición viva da palabra que configurou os relatos que nos fixeron máis humanos. “O home non é soamente o único ser que necesita vestirse para cubrir a súa vulnerabilidade (cf. Xén 3,21), senón que tamén é o único ser que necesita “revestirse” de historias para custodiar a súa propia vida. Non tecemos só roupas, senón tamén relatos: de feito, a capacidade humana de tecer “” implica tanto os tecidos como os textos”.

Nesta historia do home e da palabra, do relato e da súa difusión non faltan momentos duros e críticos, nos que se constata que o trigo e o xoio crecen ás veces xuntos, podendo tecerse historias destrutivas. “A miúdo, indica o Papa, nos teares da comunicación, en lugar de relatos construtivos, que son un aglutinante dos lazos sociais e do tecido cultural, fabrícanse historias destrutivas e provocadoras, que desgastan e rompen os fíos fráxiles da convivencia. Recompilando información non contrastada, repetindo discursos triviais e falsamente persuasivos, hostigando con proclamas de odio, non se tece a historia humana, senón que se desposúe o home da dignidade”. E nesa reflexión fálanos da historia que transmite a Palabra de Deus, porque a “Biblia é a gran historia de amor entre Deus e a humanidade. No centro está Xesús: a súa historia leva ao cumprimento o amor de Deus polo home e, ao mesmo tempo, a historia de amor do home por Deus”.

É esta unha mensaxe de salvación, un relato verídico, unha historia de vida porque “o Deus da vida comunícase contando a vida”. É unha historia que nos implica a todos, que nos renova, que nos envolve e que atrae a nosa atención; un relato que atravesa o tempo e se instala na dimensión do transcendente, a pesar de que moitas, a maioría das historias humanas, permanecen no anonimato. “Cada historia, incluso a máis esquecida, incluso a que parece estar escrita coas liñas máis torcidas, pode volverse inspirada, pode renacer como unha obra mestra, converténdose nun apéndice do Evanxeo… Cando rememoramos o amor que nos creou e nos salvou, cando poñemos amor nas nosas historias diarias, cando tecemos de misericordia as tramas dos nosos días, entón pasamos páxina. Xa non estamos anoados aos recordos e ás tristezas, enlazados a unha memoria enferma que nos aprisiona o corazón, senón que, abrindonos aos demais, abrímonos á visión mesma do Narrador”.

Inmenso valor o da palabra, que transmite pensamento e sentimento humanos e que expresa o que pensa e sente o ser humano, sempre en busca da verdade. A palabra humana, a historia, é capaz de albiscar o sentido profundo da realidade e de achegarse á dimensión creadora da Palabra divina. Cristo é Verdade e Palabra. Nel exprésase a acción creadora da Palabra. Co seu auxilio, o pensamento, a linguaxe, e a palabra humanos aventúranse no coñecemento e expresión da verdade oculta das cousas e mergúllanse na contemplación do mesmo misterio divino.

Pido a Cristo, que é Luz e Verdade, polos que traballan no campo da comunicación, para que El ilumine o voso traballo á hora de escribir nos vosos medios “historias” repletas de verdade, de humanidade e de apertura á dimensión espiritual. Que o Apóstolo Santiago, preparando a celebración do Ano Santo 2021, e  a nosa Nai Santa María vos axuden. Con cordial afecto e bendición no Señor,

Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

Versión en castelán