Carta Pastoral na Campaña de “Mans Unidas”. Febreiro 2018

Carta Pastoral na Campaña de “Mans Unidas”. Febreiro 2018

Comparte o que importa”

Queridos diocesanos:

Foi noticia alarmante o aumento de persoas que están a pasar fame no mundo. Son 815 millóns. Un 11% da poboación mundial. Sudán, Nixeria, Somalia, Iemen… son entre outros os países que describen a xeografía da fame. Hai máis de 2200 millóns de persoas atrapadas nas redes da pobreza. 844 millóns de persoas non teñen acceso á auga potable. Estes son algúns dos aspectos que nos estremecen. Detrás destes números están as persoas. A fame parece ese horizonte que se afasta cada vez máis. Se buscamos causas entre outras podemos referirnos ao déficit de solidariedade, ao cambio climático, aos conflitos armados, etc.

Conversión e solidariedade

Este ano a campaña de Mans Unidas interpélanos co lema: “Comparte o que importa”. É esta unha forma de plantar cara á fame. Protexer a dignidade da persoa leva chamala a participar da mesa do ben común. Escribía san Xoán Paulo II: “Este amor preferente, coas decisións que inspira, non pode deixar de abarcar aos inmensos xentíos de famentos, esmoleiros, sen teito, sen coidados médicos, e sobre todo, sen esperanza dun futuro mellor: non se pode esquecer a existencia desta realidade” (Ecclesia in Africa, 34).

É unha chamada perentoria a asumir a nosa responsabilidade ante a realidade descrita que se traduce en solidariedade que atopa en “o nosoutros” realización concreta. Compartir bens e propostas de cambios lévanos a humanizar a vida de millóns de persoas que están malvivindo nunhas condicións de vida inaceptables. A conversión, o servizo, a solidariedade, o sentido da transcendencia son os alicerces para esta ponte que temos que atravesar ata chegar a esas persoas. Sobre estes valores haberá de fundamentarse e revitalizarse o noso compromiso de camiñar coa conciencia de que o home é realidade sacra e inviolable e non se pode ferir nin matar, desprezar, deixar morrer; e de que o próximo é aquel de quen cada un é responsable, non podendo construír o propio sen velar polo próximo.

Compartir o que importa

Compartir o que importa” é poñer en común nosa vida, as nosas posibilidades e o noso compromiso por un mundo mellor que posibilite vivir en condicións dignas. Isto esixe planificar os alimentos non para a especulación e beneficio económico senón pensando no consumo humano; buscar un sistema de produción ambiental sustentable e non desperdiciar os alimentos por un afán puramente consumista. “O desenvolvemento non se reduce ao simple crecemento económico. Para ser auténtico debe ser integral, é dicir, promover a todos os homes e a todo home, facerlle capaz de ser en por si axente responsable da súa mellora material, do seu progreso moral e do seu desenvolvemento espiritual” (Populorum progressio, 14.34). O papa Francisco lémbranos frecuentemente que quere unha igrexa pobre para os pobres. Nela “estamos chamados a descubrir a Cristo neles, a prestarlles a nosa voz nas súas causas, pero tamén a ser os seus amigos, a escoitalos, a interpretalos e a recoller a misteriosa sabedoría que Deus quere comunicarnos a través de eles” (Evangelii gaudium, 198).

Os nosos modos de vida

Esta Xornada é unha oportunidade para cuestionar os nosos modos de vida, favorecendo a cultura do encontro e da solidariedade e erradicando os luxos e os despilfarros. Non podemos evadirnos nin buscar pretextos para non compartir. Úrxesenos a traballar por un ben común que o será cando todos colaboren nel e todos poidan participan nel. “Hoxe, crentes e non crentes estamos de acordo en que a terra é esencialmente unha herdanza común cuxos froitos deben beneficiar a todos. Para os crentes, isto se converte nunha cuestión de fidelidade ao Creador, porque Deus creou o mundo para todos. Por conseguinte, toda formulación ecolóxica debe incorporar unha perspectiva social que teña en conta os dereitos fundamentais dos máis postergados”1. As institucións económicas han de asegurar o acceso á comida de maneira regular e adecuada, e de afrontar as esixencias relacionadas coas necesidades primarias e coas emerxencias de crises alimentarias reais, provocadas por causas naturais ou pola neglixencia humana.

Estamos chamados a ser custodios especialmente dos máis pobres e débiles. O punto central sempre é o mesmo: entender os valores fundamentais da persoa humana, a convivencia, o respecto da súa dignidade e o dereito á nutrición como parte integrante do dereito á vida de cada ser humano. Todos os dereitos humanos son universais, indivisibles e interdependentes, estando relacionados entre si. Fagamos a opción polos pobres!

Saúdavos con afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,

Arcebispo de Santiago de Compostela.

1 Laudato Si, 93.

Versión en castelán