Carta Pastoral na festa da Virxe do Carme 2017

Carta Pastoral na festa da Virxe do Carme 2017

A fe, áncora da esperanza

Queridos diocesanos:

Novamente diríxome a vós na festa tan entrañable da Virxe do Carme, patroa das xentes do mar, para mostrarvos o afecto, a proximidade e a comuñón de toda a comunidade diocesana.

As vosas vidas e preocupacións, sabédelo ben, non son alleas á solicitude da Igrexa que está ao voso lado, convosco e coas vosas familias; que vos acompaña nestes momentos de festa e alegría e vos apoia nas vosas xustas reivindicacións, e sofre convosco cando a vida vos achega máis a Xesús Cristo na Cruz. Como non lembrar, transformando a nosa tristeza en esperanza e a nosa dor en oración, as persoas que perderon a vida no mar ao longo deste ano; particularmente a aqueles mariñeiros do «Novo Marcos», a quen encomendamos a Deus e a cuxas familias e compañeiros queremos renovar a nosa consideración e a nosa dispoñibilidade para acompañalos como comunidade cristiá!

O dinamismo da fe cristiá

O lema que a Igrexa propón para este día  é: “A fe é a nosa forza”. Certamente, a fe sostennos nos afáns de cada día, e dá sentido ao noso cansazo e ao desexo compartido dun mundo mellor. Non é un estorbo, nin moito menos unha ilusión va que nos afaste dos verdadeiros problemas da vida. Ao contrario, a fe é luz e forza, que nos orienta e nos impulsa, nos axuda a afrontar as dificultades con espírito esperanzado, e nos achega aos demais, recoñecéndoos como irmáns nosos. É o compás que nos marca o norte da nosa existencia e o radar que axuda a sortear os obstáculos e perigos, co temón da esperanza cristiá e da caridade que temos que levar no barco da nosa existencia. É necesario recuperar a centralidade da dimensión relixiosa na vida, abrir espazo ás grandes preguntas que nos acompañan e mostrar a dimensión humanitaria que xera a fe cristiá. A vida obscurécese se non se abre a Deus.

A fe, alimentada coa oración e os sacramentos, vivida solidariamente e fraternalmente na comunidade cristiá, fainos fortes e, apoiados nela no ámbito do noso traballo axúdanos a cambiar este mundo, a facelo máis humano, e a modelalo segundo o plan de Deus. Manifestábao belamente, con motivo da Visita Apostólica a España en 1982, na praza do Obradoiro, san Xoán Paulo II cando dicía: “Non se me oculta que, no medio das vosas afanosas tarefas, poida ás veces insinuarse o desalento ou condensarse a brétema que cobre a fe. É entón cando tedes que saber recorrer á oración e lembrar que o Señor non vos abandona, que fostes chamados por Xesús para estar con El na súa barca, onde El vela por vós; aínda que aos ollos humanos puidese dar a impresión de renderse ao soño: “Por que vos acovardades, homes de pouca fe?” (Mt 8, 26). A fe incondicionada e sen temores na presenza próxima do Señor ha de ser o compás que oriente a vosa vida de traballo e de familia cara a Deus, de onde vén a luz e a felicidade1.”

Botar a áncora en Deus”

Pensando nas vosas xornadas de traballo, a miúdo longas e esgotadoras, veñen á miña mente unhas palabras do papa Francisco, pronunciadas recentemente na cidade italiana de Xénova, onde estaban moitos compañeiros vosos nas faenas do mar. O Papa díxolles: “Nas nosas xornadas corremos e traballamos tanto, empeñámonos en moitas cousas; pero corremos o risco de arribar á tarde cansos e coa alma cargada, iguais a unha nave cargada de mercadorías que, despois dunha viaxe fatigosa, entra no porto co desexo soamente de atracar e apagar a luz. Vivindo sempre correndo e con tantas cousas por facer, podémonos perder, pecharnos en nós mesmos e inquietarnos por algo sen sentido. Para non quedar mergullados neste “malestar existencial”, lembremos cada día “botar a áncora en Deus”: levemos a el os pesos, as persoas e as situacións, confiémoslle todo. É esta a forza da oración, que une o ceo coa terra, que permite que Deus entre no noso tempo”2.

Xunto con toda a familia diocesana, encoméndovos particularmente á nosa Señora do Carme, estrela dos mares, para que manteña viva a vosa fe e vos faga fortes en Xesús Cristo. Saúdavos con afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,

Arcebispo de Santiago de Compostela.

1 XOÁN PAULO II, Discurso aos homes do mar, 9 de novembro de 1982.

2 FRANCISCO, Homilía da Misa na praza Kennedy de Xénova, 17 de maio de 2017.

Versión en castelán