Carta Pastoral na Xornada da Infancia Misioneira 2018

“Atrévete a ser misioneiro”

Queridos nenos e nenas:

Non hai moitos días celebrabamos o Bautismo de Xesús. No Evanxeo escoitabamos entón estas palabras: “Apenas se bautizou Xesús, saíu da auga; abriuse o ceo e viu que o Espírito de Deus baixaba como unha pomba e pousábase sobre el. E veu unha voz do ceo que dicía: Este é o meu fillo, o amado, o predilecto” (Mt 3,13-17). Era o comezo da vida pública de Xesús para realizar a misión que Deus Pai lle encomendara. Co apóstolo San Paulo podemos dicir: “Manifestouse a graza de Deus, que trae a salvación para todos os homes… Mais cando se manifestou a bondade de Deus o noso Salvador e o seu amor ao home, non polas obras da xustiza que fixésemos nós, senón, segundo a súa propia misericordia, salvounos polo baño do novo nacemento e da renovación do Espírito Santo” (Tit 2, 11.3, 4-5). Así o indica o noso bautismo, comezo da nosa vocación cristiá que se realiza traballando para que o Reino de Deus creza entre nós.

Xornada Mundial da Infancia Misioneira

O día 28 de xaneiro a Igrexa preséntanos a Xornada da Infancia Misioneira co lema: “Atrévete a ser misioneiro”.  Seguramente lembrades que o ano pasado nesta Xornada subliñábase a invitación de Xesús a seguilo. Esta invitación fíxolla a Santiago e a Xoán, aos demais apóstolos e a tantas persoas ao longo da historia da Igrexa. Os chamados, valentes e decididos, deixándoo todo seguiron a Xesús e atrevéronse coa súa axuda para transmitir a súa mensaxe en toda a terra, entregando a súa vida. Abonda con lembrar o noso patrón o apóstolo Santiago o Maior que nos trouxo ata aquí a boa noticia do Evanxeo de Xesús.

Agora tócavos a vós a atrevervos a ser misioneiros dando a coñecer a Xesús, sendo entusiastas e alegres evanxelizadores para os que non coñecen a Xesús. A actividade misioneira é “o maior desafío para a Igrexa”, dicíanos San Xoán Paulo II (RM 34). Non é unha tarefa fácil. A historia da Igrexa demóstranolo pero non debemos acovardarnos. San Paulo escribirá aos Romanos: “Gloriámonos mesmo nas tribulacións, sabendo que a tribulación produce paciencia; a paciencia virtude probada, a virtude probada esperanza, e a esperanza non defrauda porque o amor de Deus foi derramado nos nosos corazóns polo Espírito Santo que se nos deu” (Rom 5,3-5). Os que seguimos a Xesús, debemos dar testemuño del alí onde tantas persoas poidan necesitarnos aínda que atopemos dificultades. Para isto, como xa dicía na miña carta pastoral na Xornada do Domund, temos que estar moi enraizados en Cristo e conformar a nosa vida con el pois só así poderemos dalo a coñecer. Esta é a misión que vos espera, queridos nenos e nenas, e que comporta coñecer a Palabra de Deus, prepararvos na catequese, rezar e participar nos sacramentos da penitencia e da eucaristía, sabendo que a cruz nos incorpora á morte de Cristo como o están manifestando hoxe tantos nenos na Igrexa.

Xornada da Infancia Misioneira

O Papa di que  “a Xornada da Infancia Misioneira é a festa dos nenos que viven con alegría o don da fe e rezan  para que a luz de Xesús chegue a todos os nenos do mundo”. Son moitos os nenos que están a necesitar da vosa oración e da vosa axuda económica. Grazas a isto tantos nenos que non coñecen a Xesús, non teñen escolas, están sometidos a traballos inhumanos e séntense esquecidos e marxinados, poderán vivir doutra maneira, tendo unha vida semellante á vosa.

“Atrevédevos a ser misioneiros”! Aínda que vos pareza que é pouco o que podedes facer, estade seguros que iso pouco é moito para tantos nenos e nenas que esperan a vosa resposta. Agradézovolo tamén no seu nome. Rezo por vós e pido que o Neno Deus vos bendiga a vós, ás vosas familias e á nosa Diocese.

Co meu afectuoso saúdo e bendición,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

Versión en castelán