Carta Pastoral de monseñor Barrio para a Xornada de oración e xaxún por Sudán e o Congo

Queridos diocesanos:

O Papa convidounos a participar na xornada especial de oración e de xaxún pola paz para o próximo 23 de febreiro, venres da primeira semana de Coresma. O 4 de febreiro no Angelus facía referencia aos lugares no mundo afectados por conflitos bélicos, e concretamente aludía á República Democrática do Congo e a Sudán do Sur. O Sucesor de Pedro convidábanos a orar e xaxuar para que se poña fin a estas situacións conflitivas. Talvez podamos pensar que son lugares afastados  pero a oración chega a Deus que vela con providencia amorosa polos seus fillos e nós podemos dar o testemuño de dicir “non” no que de cada un dependa a calquera tipo de violencia.  A invitación facíaa chegar tamén aos non católicos e non cristiáns para que se unisen da forma que considerasen máis apropiada.

Sabemos que “nada que afecte aos demais, a nós pódenos ser alleo”. A mensaxe cristiá de esperanza no medio do sufrimento úrxenos a traballar pola paz e a construír a civilización do amor onde o diálogo, a reconciliación, o perdón, a liberdade, a xustiza e a solidariedade son dimensións converxentes neste propósito. Son perentorias as palabras do profeta Isaías: “Das espadas forxarán arados; das lanzas, podas. Non alzará a espada pobo contra pobo, non se adestrarán para a guerra”. É unha necesidade e un deber loitar contra o mal. Isto urxe aos cristiáns e a todo home de boa vontade, pois Cristo naceu, morreu e resucitou por todos.

Crucemos as fronteiras da nosa pasividade e insensibilidad e somerxámonos na dor e sufrimento de tantos irmáns nosos, participando vivamente nesta xornada de oración e penitencia. Non debemos desatender esta chamada. A solidariedade da familia humana é camiño para a paz.

Saúdavos con todo afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela

Versión en castelán