Carta Pastoral de monseñor Barrio con motivo da Xornada pola Caridade do Papa

Queridos diocesanos:

Na solemnidade dos apóstolos san Pedro e san Paulo, lembramos cada ano a Xornada pola Caridade do Papa. Tamén nesta ocasión, como en anos anteriores, nos unimos como fillos da Igrexa ao Papa no exercicio do seu ministerio coa nosa oración e á vez coa nosa colaboración económica. Estamos a comprobar como a proximidade do papa Francisco cos seus xestos e as súas palabras non deixan indiferente a ninguén. Neste ano Xubilar Extraordinario da Misericordia insístenos en que debemos ser misericordiosos co que dicimos e facemos, realizando as obras de misericordia. Ben vemos que os pobres ocupan un lugar preferente no seu corazón. “Quero unha Igrexa pobre para os pobres. Eles teñen moito que ensinarnos”, manifestou. Trata de que a estrutura eclesial se converta nunha canle adecuada para a evangelización do mundo, desgastando a nosa vida neste propósito.

En todas as parroquias, nas misas do domingo, día 26, farase a colecta do Óbolo de San Pedro que o Papa dedica a obras de caridade. A este fondo van tamén as achegas procedentes dos institutos de Vida Consagrada e das sociedades de Vida Apostólica, así como as dos donativos de fieis particulares. Entre as moitas obras apoiadas pola caridade do Papa neste tempo podemos lembrar, entre outras, as axudas ás vítimas de guerras e catástrofes naturais, a refuxiados e a emigrantes, ás estruturas dalgunhas comunidades católicas e aos centros sanitarios en países pobres. O Esmoleiro do Papa realiza esta misión.

Estou seguro de que a vosa xenerosidade se manifestará segundo as vosas posibilidades económicas. A Diocese enviará ao Papa esta colecta que a través del chegará a moitas persoas, reflectíndose esa proxección universal que ten toda acción da Igrexa. Pongámonos ao servizo de Cristo que, sendo rico, se fixo pobre, a fin de enriquecernos a nós (cf. Flp 2,6-8).

Saúdavos con afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela

Versión en castelán